O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou esta tarde o compromiso da hostalaría galega por ofrecer experiencias innovadoras que contribúen a consolidar Galicia como destino de calidade. Subliñou que si Galicia segue a bater récord de cifras no eido turístico é grazas a iniciativas que apostan “pola excelencia” e se “adaptan ás novas demandas dos viaxeiros” como o aloxamento Retiro da Costiña Wellness&Villas que hoxe se inaugurou en Santa Comba.
Rueda salientou que este novo proxecto turístico -inspirado nos antigos castros e que combina aloxamento con experiencias gastronómicas- ofrece todo o que buscan os turistas de hoxe en día e polo que cada vez máis viaxeiros elixen Galicia como destino: tranquilidade, contacto coa natureza, experiencias e poder desfrutar de patrimonio natural
ou cultural da contorna.
O presidente destacou que “Galicia senta ben, Galicia está de moda” e non se trata dunha
“moda pasaxeira” como demostran os últimos datos do sector turístico. Se a comunidade
pechou 2022 con récord histórico de visitantes -ao chegar aos 6,5 millóns-, xa leva 1,5
millóns de turistas no que vai de ano e entregáronse unhas 180.000 compostelas, o que
supón un 20% máis que no mesmo período de 2022.
Rueda agradeceu ao sector da hostalaría o seu compromiso e traballo para consolidar
Galicia como destino de referencia e xerar riqueza e emprego na contorna, en moitos
casos dinamizando zonas do rural a través do turismo.