O Concello de Nigrán ven de investir 3.350 € na creación dun aula específica de estimulación sensorial no CEIP Carlos Casares de Vilariño. A iniciativa parte da propia dirección do centro, que pretende así mellorar a atención á diversidade do alumnado. Así, o Concello financiou a instalación dos 72 m2 de tarima flotante que substitúen o chan de terrazo outorgándolle unha maior sensación de calidez e permitindo así que poidan empregar esta superficie como lugar de actividades.
Este tipo de aulas favorecen a percepción de sensacións mediante a aprendizaxe por medio da acción e a experimentación, así, dispón de elementos para estimular os cinco sentidos: xogos con luces de cores, tapices de diferentes texturas, caixóns de olores, pezas para manipular… Trátase dun escenario especialmente ideal para os alumnos de educación especial e/ou de idades moi temperás, porque axuda á adquisición de coñecementos e aptitudes, sendo moi beneficiosas para mellorar a concentración e a coordinación, o pensamento lóxico ou a socialización.
«É unha iniciativa que nos agrada especialmente cumprir porque forma parte de nosa política ‘Un Nigrán para todos’ e demostra o enorme compromiso das direccións dos colexios públicos do municipio», eloxia o alcalde, Juan González, quen refire que precisamente que no CEIP Carlo Casares e CEIP da Cruz (Camos) o Concello está a desenvolver os innovadores proxectos de creación de bosques-escola.