A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrou este pasado sábado sesión ordinaria da institución no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), na que decidiu, tras votación regulamentaria, homenaxear ao longo do 2024 e, en especial, no Día das Artes Galegas do 1 de abril ao escultor cambadés Francisco Asorey.
O presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo, explica que Asorey é un deses personaxes da arte que debía ser homenaxeado na efeméride das artes galegas. “Falar de Francisco Asorey, vinculado á RAGBA e á Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, é falar da escultura galega por antonomasia. É a significación da escultura galega contemporánea, un escultor imprescindible e un dos grandes artistas galegos do século pasado” –destaca o presidente–.
Nado en Fefiñáns, Francisco Asorey González (Cambados, 1889 – Santiago, 1961) está considerado un dos renovadores da arte galega e unha das figuras máis relevantes da renovación da arte escultórica española do século XX. Estudou no colexio dos Salesianos en Sarrià (Barcelona) e logo foi profesor de debuxo na escola que tiñan en Barakaldo (Bizkaia). Despois viviu uns anos en Madrid, onde entrou en contacto co ambiente artístico da capital, que non lle agradou moito. Alí coñeceu e fixo moita amizade co pintor Julio Romero de Torres e comezou os seus primeiros traballos artísticos de relevancia.
En 1918 gaña por oposición a praza de escultor anatómico da facultade de Medicina de Santiago de Compostela, cidade á que se traslada definitivamente a vivir. Alí casa con Jesusa Ferreiro na década de 1920 e monta un taller de escultura na rúa Caramoniña (xunto ao convento de San Domingos de Bonaval). Deste taller saen as obras en madeira policromada tituladas ‘Picariña’, ‘Naiciña’, ‘O Tesouro’, ‘Ofrenda a San Ramón’, ‘A Santa’ e ‘San Francisco’ (1ª Medalla da Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid).
Na década de 1930 traslada o taller a Santa Clara por necesidades de espazo. Neste lugar creou os grandes monumentos de ‘Loriga’, ‘Curros Enríquez’, ‘Virxe de Tanxil’… A represión da guerra civil lévalle a moitos dos seus amigos, como Camilo Díaz Baliño, e viviu eses anos nun plano discreto. Adáptase á nova situación e segue traballando, facendo en moitos casos obras para as autoridades franquistas co vocabulario propagandístico que se lle esixe, pero tamén afronta encargas de gran calidade, como a ‘Piedade’ para o Panteón do Centro Galego de Bos Aires, o monumento ao Padre Feijoo no Mosteiro de Samos, o monumento a Ramón Aller en Lalín ou a magnífica talla en madeira do Cristo da igrexa de Santa María de Moiá en Barcelona.
Foi proposto como académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes por
José Baldomir Rodríguez, Narciso Correal y Freyre de Andrade e Eladio Rodríguez
González, nomeado por unanimidade o 23 de abril de 1944 e tomou posesión o 9 de
novembro de 1947 na sede da Academia. En 1957 foi nomeado académico de honra
da Real Academia Galega.