A banda de música ‘Unión de Guláns’ prepara un novo acto para conmemorar o seu 150 aniversario por todo o alto. Este domingo 2 de xullo celebrarase o 1º Festival de Bandas Centenarias de Ponteareas, un encontro no que o público poderá gozar da boa música coa actuación de tres bandas de música.
A actividade comezará ás 18.00 horas coa música resoando polas rúas de
Ponteareas cun pasarrúas que irá dende a Casa do Concello ata o auditorio
municipal Reveriano Soutullo. Xa no auditorio subiranse ao escenario a banda de
música ‘Unión de Guláns’ e dúas bandas convidadas, a de música popular de
Moaña ‘Airiños do Morrazo’ e a Banda Artística de Merza. A entrada será de balde
ata completar aforo.
Fundada no ano 1870, pola ‘Unión de Guláns’ pasaron 20 directores e centenares
de músicos e músicas que deron a coñecer á banda e fixeron dela o maior orgullo
da parroquia, converténdoa nun verdadeiro nexo de unión entre veciñas e veciños.
A banda retomou este ano os actos conmemorativos do seu aniversario previstos
para o 2020 e adiados por mor da crise sanitaria.
“Con este festival poñeremos en valor unha vez máis a ampla traxectoria e legado
da banda de música ‘Unión de Guláns’, parte integral da cultura musical ponteareá
durante máis de 150 anos, enriquecendo a vida da vila co talento e paixón pola
música de todas e todos os seus integrantes”, resaltou a alcaldesa, Nava Castro.