O goberno en funcións da Deputación de Pontevedra fixo oficial esta mañá o
traspaso de poderes ao grupo provincial do Partido Popular, nun encontro no
que participaron o deputado portavoz do PSdG-PSOE en funcións, Carlos
Font, o voceiro do BNG e vicepresidente en funcións César Mosquera, e o
deputado e voceiro en funcións do PP, Jorge Cubela, acompañado de Marta
Fernández Tapias.
Na reunión, que se desenvolveu de forma cordial, Mosquera e Font fixeron
entrega á delegación popular de toda a documentación dos proxectos e
programas que está a desenvolver a Deputación. O dossier, cun total de 300
folios, ofrece toda a información detallada das 27 áreas de servizo, a fin de
que o goberno entrante na institución poida tomar así as decisións que
considere convenientes.
O pleno de constitución da nova corporación da Deputación de Pontevedra xa
está fixado para o vindeiro xoves, 6 de xullo, ás 12.00h, unha vez chegou esta
mañá, procedente da Xunta Electoral, a documentación das novas deputadas
e deputados. Ambas as dúas delegacións reuniranse de novo mañá venres
para organizar o protocolo da toma de posesión da nova corporación
provincial.