Conta atrás para a celebración dunha nova
edición do Rock in Río Tea, que este 30 de xuño e 1 de xullo regresa á Feira Vella
con música a esgalla e unha morea de propostas de balde coas que conquistar ao
público. O Concello de Ponteareas colabora no financiamento deste festival que “é
testemuño do noso compromiso coa cultura e o lecer, brindando á veciñanza unha
experiencia única e vibrante. O Rock in Río Tea é unha oportunidade excepcional
para gozar da paixón e da enerxía de recoñecidos artistas, un escaparate único de
talento que nos unirá a todas e todos arredor da música”, segundo salientou a
alcaldesa, Nava Castro.
O festival arrancará o venres 30 de xuño con tres actuacións coas que quentar
motores. Aphonnic fará as delicias do público máis entusiasta, que se deixará a
gorxa para acompañar a un grupo que con cada un dos seus seis discos foi dando
pasos de xigante ata conseguir crear un estilo propio e recoñecíbel que bebe do
metal alternativo ou do metalcore. Con 20 anos de traballo ás súas costas e
triunfando a nivel nacional, os vigueses subirán ao escenario cargados de himnos
musicais.
Tamén estará na cita a banda con máis táboas do panorama ponteareán, Errantes,
que ofrecerá un espectáculo mítico que fará ao público bailar e cantar baixo unha
infinidade de estilos. Non podía faltar sobre o escenario o alumnado do CDM
(Rock School), que serán os encargados de abrir esta nova edición do festival.
O sábado 1 de xullo será a quenda dun dos grupos máis agardados do cartel,
León Benavente, unha das bandas de referencia do rock nacional. Dende a
publicación do seu primeiro disco en 2013, a banda leva unha década enchendo
salas, recintos e festivais e sacando algunhas das cancións máis emblemáticas da
música en castelán dos últimos anos.
Tamén estará presente Aiko el grupo, que farán vibrar ao público cun repertorio
que vai dende o pop máis duro ata o punk máis distorsionado, unha verdadeira forza
da natureza sobre o escenario. As e os ponteareáns poderán gozar ademais de
Venturi, unha banda de sonido british, con bases poderosas e melodías redondas
que fan evolucionar as súas cancións a hits para facer saltar ao público dende o
primeiro minuto ata o último.
Esa mesma xornada o festival contará tamén coa presenza de Fillas de
Cassandra, o dúo formado por María Soa e Sara Faro que presentará en
Ponteareas o disco galego do ano, o seu primeiro traballo ‘Acrópole’. Nel a través de
melodías tradicionais, pop e electrónica confeccionan unha viaxe ata os mitos
femininos gregos para establecer paralelismos e cuestionar unpresente que non
semella tan distante daqueles tempos. E, por suposto, non poden faltar entre os
grupos participantes neste amplo programa de concertos Visions of Johanna, os
gañadores do Concurso de bandas co seu folk rock exquisito.