A Xunta vén de abrir unha nova edición do circuíto de exhibición de espectáculos “Cultura no Camiño” para ofrecer 302 actuacións artísticas en 88 municipios polos que transcorren as diferentes Rutas Xacobeas. Organizada e cofinanciada xunto cos concellos participantes, a programación estenderase ata o 31 de agosto e abrangue as propostas de circo, danza, música e teatro a cargo de 150 artistas e grupos galegos.
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, cualificou esta programación de “fórmula inigualable” para propiciar “un dos programas máis atractivos e renovadores do panorama galego” e “un dos mellores escaparates tanto da nosa cultura como dos reclamos naturais que inclúe o propio Camiño de Santiago”. Para o representante do Goberno galego, as cifras de Cultura no Camiño neste 2023 amosan a excelencia e o talento galego no ámbito da produción de espectáculos versátiles e dirixidos a público marcadamente familiar, ao tempo que destacou que permitirá mobilizar medio millón de euros en contratacións artísticas. Neste sentido, agradeceu a contribución dos concellos implicados na cofinanciación deste programa dinamización dos municipios galegos vencellados aos diferentes itinerarios do Camiño de Santiago no marco do Plan Xeración Cultura 23.
Da maxia á narración oral
O ciclo Cultura do Camiño supera este ano as 300 actuacións, das cales 90 corresponden a concertos que ofrecerán artistas como A Banda da Loba, Paco Nogueiras, Odaiko, Habelas Hainas, Festicultores ou Leilía, formación histórica que se está a despedir dos escenarios tras 34 anos de traxectoria. Os espectáculos de maxia, que representan 46 funcións, correrán a cargo dalgúns dos nomes máis destacados desta disciplina en Galicia como son o Mago Teto ou Mago Antón.
Consulta aquí toda a programación: