O presidente provincial do PP, Luis López, será o próximo presidente da Deputación de Pontevedra, tras ser proposto por Alfonso Rueda así como polos representantes das 61 agrupacións locais do partido.
Así o anunciou esta mañá nunha rolda de prensa, na que asegurou que “é unha honra e un orgullo” que tentará desenvolver “coa máxima humildade e co maior dos traballos”.
López adiantou que un dos eixos da futura acción de goberno dos populares no goberno provincial será “gobernar para todos os concellos, para os 61, sen sectarismos, porque todos son igual de importantes e, sinceramente, creo que é unha cuestión na que a Deputación debe mellorar con respecto aos últimos anos”.
Ademais recordou que “no PP sempre falamos de equipo, e practicámolo con feitos”, e por iso esta mañá tamén afirmou que Marta Fernández-Tapias e Rafa Domínguez serán vicepresidentes da institución provincial e que terán o seu foco de traballo en Vigo e Pontevedra, respectivamente: “Unha magnífica elección dos compañeiros e compañeiras do PP da provincia”.
Uns compañeiros aos que o presidente provincial atribuíu todo o mérito de recuperar a Deputación de Pontevedra: “radica principalmente no magnífico traballo dos 61 candidatos dos seus equipos e nos grandes resultados que obtiveron”, e tamén agradeceu a Alfonso Rueda todo o traballo feito nesta provincia, antes como presidente provincial e desde o ano pasado como presidente do PPdeG, así como aos once deputados provinciais “que neste mandato, con Jorge Cubela e Pepa Pardo ao fronte, fixeron un grandísimo traballo nas circunstancias difíciles de oposición”.