A compañía Talgo porá a disposición de Renfe os primeiros trens Avril en novembro. Serán trens de alta velocidade «listos xa para o seu uso comercial». Esa data de novembro, «alcanzarase sempre que os outros actores que participan neste proceso cumpran cos prazos que facilitaron a Talgo para alcanzar o devandito obxectivo e en virtude dos cales Talgo propón esta data» advirte a compañía.
Con todo, a entrada en servizo dos 30 trens de moi alta velocidade que forman a Serie 106 de Renfe será «gradual» e que así llo confirmou a dirección da compañía á operadora ferroviaria nunha reunión este mércores.
«O proceso de homologación de calquera tren é por definición complexo, pero no caso de novas tecnoloxías como as que equipan os Talgo Avril, a homologación supón un reto para todos os actores do proceso», engade.
Este proceso estivo rodeado de polémica debido a atrasos e a propia Renfe anunciou no seu día que estudaba impor penalizacións a Talgo por incumprimento de contrato. Pola súa banda, a Xunta culpou da tardanza ao Goberno central.
E é que a chegada dos Avril para circular en Galicia e levar a alta velocidade ao resto de cidades galegas, a maiores de Ourense, estaba comprometida primeiro para primavera e despois para verán de 2022.
A semana pasada, a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, fixaba para «outubro ou novembro» a chegada dos trens Avril a Galicia.