A XX edición do Festival de Cans, que se celebrou a pasada semana nesta parroquia do Porriño, deixou cifras históricas. Máis de 13.000 persoas pasaron polo festival nos seus cinco días de duración, entre o martes 16 e o sábado 20 de maio. Neste último día, o considerado día grande do certame, pasaron por Cans máis da metade do total dos asistentes.
O reconto final dos votos do público outorgaron o seu premio á curta de animación “Sandwich Cat” de David Fidalgo, un creador con ampla traxectoria no certame. Fidalgo completa así o cadro de premios, onde o gran protagonista foi o marinense Ángel Santos, que levou catro galardóns coa súa curta “Alicia fai cousas”.
O Festival esgotou todas as entradas dispoñibles para o concurso de curtametraxes e o visionado nos jalpóns ou para lugares como o Invernadoiro, e o Espazo Estrella Galicia na Leira do Río –epicentro dos concertos nocturnos- estivo cheo entre venres e sábado, con actuacións como Los Punsetes, Mr. Kilombo, The Limboos ou os espectaculares Serial Killerz.
A idea de dividir a programación central das actividades entre a Leira do Río e o Torreiro resultou un éxito, segundo indican dende a organización, así como os contidos especiais para celebrar o Día das Letras Galegas, o 17 de maio. O Torreiro foi o gran epicentro dos coloquios principais e o aforo quedou pequeno para o encontro arredor do filmes “Matria” con Ávaro Gago, María Vázquez e Eduardo Rodríguez “Tatán”; “Honeymoon”, con Enrique Otero, Nathalie Poza e Javier Gutiérrez ou o coloquio especial dos vinte anos con Antonio Durán “Morris” e Mabel Rivera. Outro momento para a historia foi a colocación da estrela do Premio Pedigree Luis Zahera, cun Torreiro abarrotado que lle dedicou unha gran ovación.
A programación no Torreiro completouse coas actuacións de As Fillas de Cassandra e Tony Lomba, dúas das que máis entusiasmo espertaron entre o público. A imaxe de Tony Lomba facendo unha entrada apoteósica en chimpín no Torreiro de Cans quedará como un dos momentos irrepetibles do festival, así como a actuación sorpresa de Xabier Díaz, que cantou co chileno Nano Stern no Invernadoiro, consolidado como outro dos espazos icónicos de Cans.
Outros momentos de emoción foron a conexión por videoconferencia coa Señora Alicia, que non puido asistir a esta edición por motivos de saúde, e recibiu o aplauso de toda a Leira do Río, ou o reencontro do veciño Juan do Peso, de 92 anos, co actor Javier Gutiérrez, que provocou as bágoas dos asistentes.
Gran espazo familiar no Parque do Río
Cans recuperou tamén nesta edición as visitas de colexios e institutos a pleno rendemento. Arredor de 600 escolares pasaron por Cans nas matinais do festival, que trouxeron a alegría a aldea, visionando curtas nos jalpóns, visitando os lugares emblemáticos e comendo os seus bocadillos á sombra á beira do río. A zona do Parque do Río volveu converterse no gran espazo familiar, onde as nenas e nenos puideron desfrutar de múltiples actividades como música, cinema, contacontos ou obradoiros de barro.
A XX edición do Festival de Cans contou co apoio de institucións públicas como Xunta de Galicia, Concello do Porriño e Deputación de Pontevedra e de entidades privadas como Estrella Galicia ou Fundación AISGE