A portavoz nacional, Ana Pontón, estivo no mitin de Ponteareas para acompañar a actual alcaldesa e candidata á reelección, Cristina Fernández, de quen destacou a súa solvencia, rigor e capacidade de goberno para seguir mantendo a senda de progreso e de futuro iniciada no concello polo BNG en 2015.
“Con Cristina, Ponteareas está nas mellores mans porque é unha alcaldesa valente, responsable, honesta e con capacidade; unha alcaldesa que non está quentando a cadeira senón que está na Alcaldía para dalo todo, para suar a camiseta de Ponteareas, para que este concello siga avanzando e progresando”, recalcou.
“Sei que a maioría dos veciños e veciñas xa non queren volver atrás, sei que queren seguir mirando ao futuro con confianza, construíndo un concello do que sentir orgullo e por iso sei que Cristina Fernández seguirá sendo a próxima alcaldesa de Ponteareas con máis forza que nunca”, recalcou Pontón, quen tivo unha mención especial para o seu predecesor na Alcaldía, Xosé Represas.
“Hai unha persoa, que alá onde estea, está mirando para o concello feliz e orgulloso, vendo como o traballo que el empezou avanza a pasos axigantados con Cristina e todo o seu equipo, esa persoa é Pepe Represas, sempre na memoria”, proclamou.
Na vida dos concellos, igual que na vida das persoas, hai momentos que marcan un antes e un despois, puntos de inflexión nos que retrocedes ou avanzas, subliñou a líder do BNG, e en Ponteareas ese punto de inflexión produciuse en 2015 cando o BNG asumiu o goberno, “abrindo un camiño de ilusión e de esperanza polo que este concello non fixo máis que avanzar, avanzar e avanzar”.
Para seguir nesa senda iniciada fai oito anos, recalcou, “este 28M hai que encher as urnas de papeletas do BNG, para ter un goberno con máis forza da man de Cristina Fernández e de todas as persoas que a acompañan na candidatura, comprometidas para darlle a Ponteareas máis porvir”.
“Máis forza porque non podemos permitir que este concello retroceda, ao contrario, ten que seguir imparable co seu avance, mirando ao futuro co optimismo, afrontando novos retos, poñendo en marcha novos proxectos e sumando máis servizos, máis benestar social e máis calidade de vida para toda a veciñanza”.
Foi moito o logrado polo BNG, que en apenas oito anos sacou Ponteareas dun pasado escuro e decadente, para colocar o concello nun presente de eficacia, transparencia, en diálogo continúo coa veciñanza. “Hoxe Ponteareas é un concello que xestiona ben cada euro, de portas abertas, cunha planificación urbanística ordenada e aprobada, con servizos de calidade”, destacou.
Tamén puxo en valor a política social “ambiciosa e solidaria” que presta axuda a todos os colectivos con máis dificultades, nun concello exemplo na loita contra o cambio climático e na preservación do medio ambiente, profundamente democrático, no que todos os veciños e veciñas son tratados con igualdade.
“Nunca na historia desta vila se fixo tanto en tan pouco tempo, pero aínda é moito máis o que o BNG pode e vai facer para que este concello siga avanzando imparable cara o futuro, sabendo que con Cristina e con todo o seu equipo Ponteareas está nas mellores mans para seguir avanzando cara un futuro mellor, desde a confianza nas nosas propias forzas”, concluíu.