domingo, noviembre 24, 2024
InicioComarcasLouriñaPorriño recibe un millón de euros para a rehabilitación de 105 vivendas en...

Porriño recibe un millón de euros para a rehabilitación de 105 vivendas en Torneiros

O Concello do Porriño recibe  un millón de euros no marco do Programa de axuda para a rehabilitación de contornas residenciais a nivel barrio, que destinará á mellora de vivendas nos polígonos residenciais da parroquia de Torneiros, impulsando así medidas de eficiencia enerxética.

O alcalde porriñés, Alejandro Lorenzo, desprazouse á localidade ourensá de Cortegada para participar na sinatura dos acordos de financiación entre Xunta de Galicia e concellos. O presidente Alfonso Rueda e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presidiron o acto de firma detes convenios enmarcados no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado exclusivamente cos fondos europeos do Next Generation.

Porriño sitúase como segundo municipio, por detrás de Vigo, que máis fondos recibe na provincia de Pontevedra, e o primeiro de toda Galicia, despois das grandes cidades.

Dentro do ámbito delimitado programouse a rehabilitación dun número estimado de 105 vivendas que ocupan aproximadamente 1,38 hectáreas, repartidas en diferentes bloques de edificios. Dese millón de euros, 127.575 euros será destinado á urbanización e mellora da contorna e a parte restante será para axudas a particulares ou comunidades de propietarios, segundo se presenten as solicitudes, para a mellora de fachadas; mellora de cubertas con illamento, incluíndo aquí a eliminación de amianto; e a substitución de ventás e vidros exteriores, empregando carpintería de pvc e vidro eficiente termicamente, todo elo co obxectivo de conseguir un aforro enerxético.

“Deseñamos un proxecto global para a rehabilitación e posta en valor dos polígonos residenciais de Torneiros, un dos principais núcleos de poboación de Porriño”, explica o alcalde, asegurando que “esta achega dun millón de euros é o primeiro paso que, seguindo nesta mesma liña de traballo, intentaremos se complemente cunha ampliación de fondos, ben sexa unha partida municipal ou mediante convenio coa administración autonómica, para así poder atender ás necesidades que poidan presentar as preto de mil vivendas alí asentadas”.

Unha vez o Concello do Porriño dispoña deste millón de euros, é o propio Concello quen asume a xestión do programa abrindo a convocatoria de axudas, que se estima sexa este mesmo verán.

O importe das subvencións a particulares dependerá do grao de eficiencia enerxética que se alcance coas obras executadas, e pode ser do 40%, do 65% ou do 80% do orzamento, ata un máximo de 29.425 euros por vivenda.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS