O día 1 de xuño entra en servizo o novo sistema de recollida de lixo en Mos, do que se encargará FCC (Fomento de Construcciones y Contratas). O Concello de Mos informou que o Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia desestimou os recursos especiais en materia de contratación interpostos polo concelleiro do BNG e pola empresa URBASER, contra o acordo de adxudicación da contratación dun servizo de recollida transporte e xestión de residuos sólidos urbanos (Fracción Organica e selectiva) e a limpeza viaria no Concello de Mos, que fora adxudicado a FCC en Pleno do pasado 27 de marzo. Deste xeito o novo contrato de recollida do lixo en Mos xa poderá facerse efectivo e entrar en vigor dende o vindeiro 1 de xuño.
O Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia (TACGal) en sesión celebrada no día 4 de maio, adoptou, por unanimidade, a resolución de desestimar o recurso interposto polo concelleiro do BNG, e fixo o mesmo o 10 de maio no caso do recurso interposto por URBASER SA.
O Pleno do Concello de Mos aprobaba o pasado 27 de marzo co voto favorable da maioría de membros da Corporación Municipal (votaron todos a favor agás GañaMos e BNG en contra) a adxudicación do novo contrato administrativo de Servizos de recollida, transporte e xestión de residuos sólidos urbanos.
O importe do contrato da recollida de lixo increméntase anualmente nun 70% sen que implique suba da taxa, conxelada desde 2012 (fai máis de 10 anos), para a veciñanza. A contratación dos servizos de recollida de lixo e limpeza viaria, adxudícase polo máximo legal de 5 anos.
Outra novidade do novo contrato é que a duración anteriormente era de 3 anos, prorrogables ata en 2 ocasións por un ano máis. Agora o contrato adxudicarase polos 5 anos, que son o máximo legal, por considerarse unha fórmula máis resolutiva desde o punto de vista da xestión municipal e de custes, evitando trámites (prórrogas).
O aumento do prezo do contrato, non implica repercusión no cobro da taxa aos veciños, que seguirán a pagar o mesmo.
Este notable aumento ven motivado pola subida actual de custes, pola nova lei de residuos a nivel nacional (Lei 7/2022, do 8 abril, de residuos e chans contaminados) e nova lei de residuos galega (Lei 6/2021, do 17 de febreiro); e, sobre todo, polas importantes melloras incluídas no contrato, que se reflicten no aumento das fraccións, o incremento das zonas de limpeza viaria, o investimento en nova maquinaria e a renovación do parque de contedores.
Este novo servizo de recollida de Residuos urbanos aumenta nun 70% respecto ao anterior, alcalzando case o millón de euros, 983.555,77 € (IVE incluído), para ser exactos.
Este incremento do orzamento destinado ao contrato da recollida de lixo implica importantes melloras do servizo:
As melloras da recollida de carga lateral consisten en: Nova imaxe dos servizos de recollida aplicando na medida do posible a recollida mediante carga lateral, que será máis próxima a todos os usuarios. Campaña inicial de reforzo nos tres primeiros meses de servizo. Desaparece a recollida de carga superior. Grao de redución de molestias á cidadanía mediante este sistema de carga lateral, polo incremento de volume dos contedores, como polo emprego do pedal e amortiguador para favorecer así o depósito dos residuos. Este sistema mellorará os cocientes de reciclaxe e por tanto os ingresos municipais, dado que o modelo proposto xera uns maiores ingresos por parte dos sistemas colectivos de responsabilidade ampliada (ECOEMBES, ECOVIDRIO, etc). Racionalización de espazos e localizacións de recollida de residuos. Completaranse e crearanse novas áreas de achega ata alcanzar un total de 100, distribuídas por todo o termo municipal. Ditas áreas contarán con contedores de envases, papel-cartón, vidro, orgánica e resto. Mantense a recollida de carga traseira en zonas rurais de difícil accesibilidade. Servizo de recolleita “porta a porta” a establecementos hostaleiros e comercios, co fin de cubrir a totalidade de papel-cartón e orgánica.
As melloras da recollida de novas fraccións son: Debido á entrada en vigor da nova Lei de residuos a nivel nacional (Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e chans contaminados), ademais da recollida de fracciónelas vidro, envases lixeiros e cartón/papel, procederase á recollida de bioresiduos de orixe doméstica, aceites de cociña usados, pilas e acumularores e residuos téxtiles. Dada a urxencia do cumprimento dos requisitos legais actuais para a posta en servizo da recollida da fracción biorresiduos, procederase á súa implantación nas áreas de achega. Realizarase unha campaña de información e comunicación ambiental en todo o municipio, para dar a coñecer este novo servizo. Subministración de 500 composteiros individuais máis aos existentes, para reforzar o modelo de xestión da materia orgánica.
As melloras no servizo de limpeza viaria supoñen: Incremento de zonas de limpeza engadíndose novas zonas de limpeza viaria, ás xa existentes, entre elas todas as zonas humanizadas recentemente, entre as que se destacan as Beirarrúas en Estrada Louriñó-Sobráns (Guizán), as Beirarrúas de Veigadaña ata CEIP Mestre Martínez Alonso (Mos), Estrada da Vía, zona humanizada en Cela-Igrexa e Pazo de Mos (nova zona humanizada). Aumento da frecuencia e reforzo nos servizos de limpeza viaria, debido á dispoñibilidade de maior persoal, creando brigadas multidisciplinares, que apoiarán aos equipos establecidos, mellorando así a dispoñibilidade de limpeza ante urxencias, prestando servizos as 24 horas (quendas mañá, tarde e noite). Carriños de varrido manual pregables, vehículos auxiliares motorizados, varredora dotada de terceiro brazo, equipo de baldeo mecánico dotado con cisterna baldeadora, furgón hidrolimpador, hidrolimpador portátil, etc. Incremento número papeleiras. Limpeza intensiva de choque ao comezo do contrato. Servizo de limpeza en todos os domingos e festivos. Programa de limpeza viaria que diminúe as molestias do ruído empregando maquinaria con equipamento redutor do mesmo. Horarios de traballo adaptados á contorna e casuística de cada unha das zonas para limpar.
As melloras en investimento en nova maquinaria/vehículos supón: Investimento en novos vehículos e maquinaria provistos de insonorización do chasis, para diminuír ao máximo as molestias aos veciños.
E, por último, a renovación parque contedores existentes implica as seguintes melloras: Renovación do parque de contedores existentes adaptados á carga lateral. Creación de novas áreas de achega. E incremento de frecuencias de lavado de contedores respecto a as actuais.