A contorna do Pazo de Mos acollerá o domingo 30 un cartel do máis apetecible para a mocidade, no que se prevé unha afluencia de milleiros de asistentes tralo éxito da primeira edición
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; a Directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel Toimil; o concelleiro mosense de Mocidade, Leo Costas, e o presidente da Fundación Pazo de Mos, Manuel Castro, presentaron no Pazo dos Marqueses de Mos a II Edición do Festival Camiño da Rosa que se celebrará nese mesmo enclave o vindeiro domingo, 30 de abril, a partir das 19.00 horas.
Trala exitosa primeira edición que congregou a milleiros de mozos e mozas chegados de toda a provincia, este segundo Camiño da Rosa ofrece un cartel do máis atractivo para a rapazada. Encabezado por Rojuu, Groove Amigos e Traffic House, contará tamén coas actuación de Marc Montalvo, Samu Pexe, Juliann James & MZRIN, Fergwell e Raper & Trisha.
Rojuu, de 20 anos de idade, acumula millóns de escoitas da súa música subida na súa conta de internet. Xa ten publicado o seu sexto álbum. É un dos principais representantes do trap experimental e emo-trap a nivel hispanofalante.
Detrás de Groove Amigos está o DJ André Vázquez que presume de pinchar sesións para todos aqueles aos que lles guste a “zapatilla”.
Traffic House, é un grupo de produtores e DJs de música electrónica dance-house formado por Sete Sousa e Trillo.
A entrada ao festival é libre e de balde.