Los Sauces ofertará o vindeiro curso 24 prazas para alumnado interesado en decantarse por esta modalidade
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitou o Colexio Europeo Los Sauces, onde o seu director, Alberto Álvarez Ferreira, e o coordinador do BI (Bacharelato Internacional), Albino Pombo Rodríguez, expuxéronlle o novo proxecto que porán en marcha o vindeiro curso escolar, consistente en ofertar, ademais dos itinerarios clásicos de Bacharelato, o Bacharelato Internacional; primeiro centro que ofrece esta posibilidade á rapazada interesada en cursala, xa que a opción existente no tamén mosense O Castro British School consiste no Modelo Británico. Actualmente o Colexio Los Sauces conta cun total de 700 estudantes.
O programa do Diploma do IB do Colexio Los Sauces céntrase na preparación do alumnado para a educación superior e a participación activa nunha sociedade global. O tronco común do programa do Diploma baséase en tres piares básicos: esixe que os alumnos realicen unha investigación independente, aplica a teoría do coñecemento para un enfoque coherente á aprendizaxe e fai fincapé na creatividade, actividade e servizo contribuíndo a que o alumnado desenvolva a súa propia identidade, para o que se propoñen iniciativas de voluntariado nas que os mozos e mozas fagan un servizo colaborativo coa comunidade en compromiso e reciprocidade e en base e resposta a unha necesidade verdadeira.
O BI impártese en máis de 5.000 colexios nos 5 continentes e dá acceso a universidades de todo o mundo. Impártese en 3 idiomas, español, inglés e francés e inclúe a opción de estudar, como materias, ata 55 linguas. O perfil do estudante de IB, segundo explican desde Los Sauces, é indagador, informado e instruído, pensador, bo comunicador, reflexivo e de mentalidade aberta. Trabállanse os contextos locais e globais, foméntase o traballo en equipo e a colaboración, e a eliminación de barreiras. A metodoloxía apóiase na mentalidade internacional e dálle gran importancia ás habilidades sociais e de autoxestión. Nel estúdanse un total de 6 materias.