miércoles, noviembre 27, 2024
InicioComarcasLouriñaPorriño converterá a antiga Escola de Atios nun centro de día

Porriño converterá a antiga Escola de Atios nun centro de día

Concello e Xunta de Galicia colaborarán no acondicionamento das instalacións para tal fin cunha inversión que superará os 200.000 euros

A antiga Escola Unitaria de Covelo na parroquia de Atios terá por fin un segundo uso logo dunha década pechada. Pasará de albergar aos máis pequenos da casa a ser un centro de atención e coidado dos máis maiores. Así, o Concello do Porriño converteraa nun centro de día, o segundo do municipio destas características.
“Somos conscientes da necesidade de ofrecer este servizo, moi demandado no noso concello, e se a iso lle unimos a rehabilitación dun edificio municipal ata o de agora en desuso e no que xa se acometeran reformas con importantes inversións das que aínda non se lle sacou proveito, é a combinación perfecta para que decidamos reconverter estas instalacións nun centro de día público, o segundo do Porriño, xunto co de Torneiros”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo.
Neste caso sería de titularidade municipal, como xa llo fixo saber á conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, nunha visita que realizou ao lugar. O centro de día de Torneiros, de titularidade da Xunta, dispón de 40 prazas e este tería capacidade para unha vintena de usuarios. De igual xeito, estaría conformado por un equipo sociosanitario e de profesionais especializados en diferentes áreas xerontolóxicas. Para a súa posta en marcha e funcionamento, o Concello licitaría o servizo.
O proxecto de acondicionamento das instalacións para adaptalas a tal fin supón unha inversión aproximada de 210.000 euros e para sufragar este gasto o goberno local xa conta co compromiso da Xunta de Galicia que colaborará no financiamento da obra.
O edificio conta con tres salas, un vestíbulo, dúas entradas e un porche, a maiores dispón de xardíns e zona exterior que tamén serían acondicionados para desfrute da veciñanza. Os traballos para recuperar o inmoble comezaron xa no ano 2016 co alumando do obradoiro de emprego de albanelería da Xunta de Galicia. Entón leváranse a cabo determinadas obras de acondicionamento e reforma que se completaron en anos posteriores coa substitución do tellado e a renovación da carpintería exterior, colocándose novas portas, fiestras e persianas; actuacións realizadas polo Concello coa intención de reabrilo como centro social, obxectivo que nunca se cumpriu.
Precisamente, “o actual goberno local fai unha aposta clara pola recuperación de edificios de titularidade municipal como este para darlle unha segunda vida e empregalos como lugar de desfrute da veciñanza, ben sexa para os máis maiores como neste caso, para a cativada ou para toda a poboación en xeral”, sinala o alcalde, referíndose, por exemplo a outras escolas unitarias de parroquias como esta de Atios que a día de hoxe están pechadas, “falamos das de Chenlo ou Pontellas, ás cales lle devolveremos a vida e converteremos nun espazo de encontro veciñal”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS