Detidas no suroeste de Colombia 12persoas integrantes dunha banda de narcotraficantes especializada na construción de narcosubmarinos, entre eles, o achado en Aldán en 2019.
Nesas embarcacións enviaban cocaína cara a Centroamérica e España.
O comandante da armada colombiana, o almirante Francisco Cubides, dixo que as detencións se realizaron en Cali, Buenaventura (Valle del Cauca) e na localidade de Santander de Quilichao (Cauca).
A realización desta operación contra o narcotráfico foi un traballo articulado entre a Armada e a Fiscalía colombiana, que contou coa colaboración da Garda Civil española.
«A organización narcotraficante desarticulada especializábase na construción de semisomerxibles para transportar clorhidrato de cocaína cara a Centroamérica e Europa, especialmente cara a portos españois», detallou a Armada nun comunicado.
Segundo o almirante Cubides, os capturados foron os que construíron tres semisomerxibles, dous dos cales foron descubertos en Colombia e un máis en Galicia.
Os capturados foron postos ao dispor da Fiscalía colombiana acusados de delitos asociados con narcotráfico.