A administración autonómica destinará 750.000 euros a tal fin
A Xunta de Galicia destina preto de 750.000 euros de Fondos Next Generation ao proxecto presentado polo Concello do Porriño para a restauración e conservación das Gándaras de Budiño, un ecosistema incluído na Rede Natura 2000, que conta con elementos únicos nos contextos galego e ibérico e que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda considera estratéxica.
A consellería de Medio Ambiente, Territoria e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, o Xefe Territorial de Medio Ambiente, José Manuel González, e concelleiros do goberno municipal, presentou hoxe o proxecto neste espazo protexido.
O prazo de execución é de 8 meses e ten como obxectivo facer posible a “coexistencia” entre a preservación desta Zona de Especial Conservación (ZEC), o seu desfrute público e as necesidades das zonas industriais e comerciais limítrofes.
Nesa liña, esta iniciativa permitirá mellorar un ecosistema de zonas húmidas de alto valor ambiental que facilite a conservación e protección da emis orbicularis –unha especie de tartaruga en perigo de extinción- e das aves migratorias e estacionarias que utilizan este hábitat.
Para acadar ese obxectivo nesta zona húmida levaranse a cabo diversas actuacións como a limpeza, roza de vexetación e eliminación de plantas exóticas invasoras; a supresión de restos antrópicos, e o dragado para aumentar o calado das lagoas e favorecer a permanencia de auga nas mesmas en períodos de seca.
A maiores, tamén se crearán novos observatorios de aves, se reparará o xa existente da charca de Orbenlle e se construirán novas pantallas de ocultación dos visitantes que queiran observar as especies animais.
A conselleira salientou que con esta actuación o Goberno galego “mellora un ecosistema de especial valor ambiental, protexe fauna en perigo, implementa máis e mellores recursos para as aves e incentiva o uso público respectuoso. Deste xeito, poñemos en valor un espazo natural que se vai converter no gran ecosistema do Porriño e dos seus arredores.
Pola súa banda, o alcalde destacou que “as Gándaras de Budiño son o buque insignia do noso patrimonio natural e a súa conservación, protección e posta en valor é de vital importancia. Queremos que os porriñeses e porriñesas do futuro poidan desfrutar deste tesouro natural e está nas nosas mans que así sexa”.