O Concello vén de adquirir unha parcela de 742,19 metros cadrados no espazo onde se localizará a futura zona de lecer que unirá as rúas Pío XII e Antonio Palacios
O Concello do Porriño dá os primeiros pasos para a creación dun novo espazo verde público no centro urbano, que unirá as rúas Pío XII e Antonio Palacios, coa adquisición dunha parcela de 742,19 metros cadrados no centro da vila. Trátase dunha parcela preto da casa consistorial que linda coas rúas Pío XII, Antonio Palacios e o Centro da Terceira Idade, e forma parte da contorna onde se executará o proxecto.
O terreo, cualificado urbanisticamente como Zona Verde e Sistema Xeral 2, foi adquirido polo Concello do Porriño por 80.000 euros e xa se está a proceder ao seu acondicionamento.
A parcela dispón de todos os servizos urbanísticos básicos e necesarios como son a rede de sumidoiro, rede de subministro de auga potable, rede de subministro eléctrico e de telefonía dispostas para conectar co ámbito da futura zona verde espazo libre a executar.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, agradeceu “a boa disposición dos propietarios para facilitar ao Concello a adquisición deste terreo e avanzar na remodelación do centro urbano”.
Unha vila con calidade de vida
O proxecto no que traballa o Concello do Porriño remodelará toda a zona do parque infantil de Pío XII conectándoa, ao mesmo nivel, coa área que actualmente se emprega de aparcadoiro de vehículos, preto da casa do Concello.
“A obra consistirá na posta en valor deste espazo xerando novas oportunidades de uso para mellorar a calidade de vida da cidadanía”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “De feito, inclúe a plantación de novas especies vexetais para dotar a contorna de máis espazos de sombra, así como a instalación de novo mobiliario”.
A maiores, mellorarase a comunicación peonil co cento urbano da localidade, pois ambas as dúas rúas conectan con outras dúas arterias da vila como son a peonil Ramón González e a Avenida Domingo Bueno (N-550); renovarase o parque infantil existente e crearase unha zona con gradas co obxectivo de poder celebrar eventos ao aire libre como concertos, conferencias e espectáculos infantís entre outros.