domingo, noviembre 24, 2024
InicioNewsO PaísA data da chegada dos trens Avril a Galicia saberase en abril

A data da chegada dos trens Avril a Galicia saberase en abril

A partir do «mes de abril» o Goberno poderá pórlle data á posta en funcionamento dos trens Avril en Galicia

Foi toda a concreción que deu o secretario de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, David Lucas, hoxe en Lugo sobre a chegada dos trens de alta velocidade e de ancho variable fabricados por Talgo, que nestes momentos están en período de probas.

David Lucas, nunha conferencia de prensa celebrada en Lugo tras asinar o convenio co concello e coa Xunta para executar a estación intermodal da cidade, dixo: «Non quero aventurarme ata que se fagan todas as probas e todas as comprobacións».

O secretario de Estado tamén se comprometeu a que o Goberno falará coa Comisión Europea para «incorporar máis espazos» ao Corredor Atlántico de mercadorías.

Ao ser preguntado polas xestións do Goberno para incluír a Lugo nese corredor, Davíd Lucas dixo que Galicia é un elemento fundamental do mesmo, e que é obxectivo do Goberno “potencialo” e “reforzar o posicionamento da zona noroeste, coa meseta e con Portugal”.

Nese sentido, lembrou que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) “está a traballar” cun “posible financiamento europeo”, pero tamén con recursos propios do Goberno de España.

En relación coa incorporación da liña A Coruña-Lugo-Monforte, asegurou que o Goberno vai seguir “falando” coa Unión Europea. “Imos tentar falar coa Comisión Europea para incorporar máis espazos”, subliñou.

Lucas tamén informou de que rematou a demolición do viaduto do Castro, no trazado da A-6 entre Pedrafita e a Veiga de Valcarce, en sentido Madrid e procederá de forma inmediata a facer o propio co taboleiro da ponte en dirección A Coruña.

Asegurou que está a traballarse coa maior présa posible, precisamente co obxectivo de restablecer o tráfico en condicións normais “no menor tempo posible”. Nese sentido, indicou que o viaduto en sentido Madrid quedará aberto este ano.

E reiterou que o Mitma traballa cos mesmos prazos e que a vía en sentido A Coruña estará lista o ano que vén.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS