O Concello presenta a súa programación polo Día Internacional da Muller, que inclúe concertos, obradoiros escolares e teatro
O Concello do Porriño segue apostando pola educación en igualdade para alcanzar unha sociedade máis xusta. Baixo esta premisa, a Concellería de Igualdade, que dirixe Carolina González, vén de presentar a súa programación conmemorativa do Día Internacional da Muller baixo o lema “Da man da educación cara a igualdade” na que os protagonistas son as futuras xeracións de porriñesas e porriñeses.
“As/os nenas/os educados dende pequenas/os sen distinción de xénero, incidindo nos valores do respecto e a igualdade, serán mañá esas/es adultas/os que defendan unha sociedade libre de comportamentos machistas”, explicou a concelleira. “Por iso continuamos co traballo comezado o ano pasado centrado na infancia, un traballo continuo e transversal que non se limita a unha semana ao ano”.
Salientar neste sentido que o alumnado dos centros educativos do municipio estivo participando nos obradoiros Xénero Diverso, no que traballaron a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes a través dunha metodoloxía baseada no xogo. Como parte do mesmo, o vindeiro 8 de marzo, ás 18.30 h na praza Arquitecto Antonio Palacios, representarase a obra de teatro “Adiviña quen son”, que busca desmontar os roles e estereotipos de xénero tradicionais e ofrecer as ferramentas para camiñar cara unha igualdade real. “Con esta actividade buscamos crear un espazo de diversión con familias, alumnado e comunidade educativa, na que ademais se proxectará un vídeo de resumen dos obradoiros levados a cabo nos coles a fin de mostrar o traballo que realizaron durante todo o proxecto”, apuntou a concelleira.
As Girl´s Gang, Noemí Fernández, Carla Lourdes e Mati darán un concerto na praza Arquitecto Antonio Palacios
A xornada do 8M continuará na praza coa lectura do manifesto e de seguido a música tomará o relevo da man de varias artistas, todas elas mulleres empoderadas que se fixeron cun espazo na industria musical. Ás 20.00 horas subirán ao escenario Noemí Fernández, porriñesa finalista de La Voz Kids e gañadora do certame Tes Talento 22; Carla Lourdes, cantautora e compositora natural de Ponferrada cuxos temas superan 100.000 reproducións en redes sociais; Mati, cantante nacida en México pero afincada na nosa terra que acaba de sacar o seu primeiro traballo e pisa por primeira vez un escenario no Porriño, e as Girl´s Gang, a banda de mozas mosenses que presentan neste evento o seu primeiro single propio, Kaos.
Cabe destacar que todas elas visitarán o día anterior, 7 de marzo, os dous institutos do Porriño para conversar cos estudantes e animalos a que loiten polos seus soños e contarlles tamén as súas experiencias.
Ademais, dende as 12.00 horas, instalarase na praza Arquitecto Antonio Palacios o Punto Violeta, no que persoal cualificado ofrecerá información e asesoramento.
“Lamentablemente a desigualdade entre homes e mulleres segue a ser unha realidade en moitos ámbitos da vida e por iso é necesario que as administracións e todas os axentes sociais nos impliquemos. A igualdade de dereitos non só se debe asegurar sobre papel, ten que garantirse na práctica e por iso loitamos”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo, que convidou a toda a veciñanza a participar e implicarse nestes actos reivindicativos.