domingo, noviembre 24, 2024
InicioComarcasLouriñaComezan os traballos de mellora do Centro Cultural Alba de Torneiros

Comezan os traballos de mellora do Centro Cultural Alba de Torneiros

Céntranse na reparación dos elementos de cuberta e impermeabilización e estenderanse ao parque Piñeiro, no que está proxectada a ampliación e mellora da zona de xogo infantil e a reparación das instalacións deportivas

O Concello do Porriño deu comezo esta semana ás obras de reparación e mellora do Centro Cultural Alba, na parroquia de Torneiros.
Debido á antigüidade do inmoble e á falta de mantemento durante anos, as cubertas están danadas e non cumpren coa súa función de impermeabilización producíndose humidades no interior que imposibilitan o uso do edificio.
“O Centro Cultural non podía usarse xa que o seu estado supón un risco para os usuarios, por iso é necesario acometer de maneira urxente estas reparación integral que poñerá fin ás filtracións para que se poida retomar a actividade con seguridade”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.
Os traballos, que comezaron esta semana, contemplan a substitución e reparación de todos os elementos do edificio que se atopen deteriorados, a reparación integral da cuberta, reparación das canaletas exteriores e interiores, reparación e selado das ventás, reposición das baixantes e a construción dun canal de remate final da fachada no encontro co terreo.
Ampliación e mellora do parque infantil
“Falamos dun punto neurálxico da vida social e cultural da parroquia de Torneiros que non pode permanecer inutilizado, non só as instalacións do centro cultural senón a totalidade do parque Piñeiro para o que temos en marcha un proxecto de mellora e reacondicionamento que ampliará a zona de xogo infantil e reacondicionará as pistas deportivas”, apuntou Lorenzo. “Unha intervención integral que este parque viña necesitando hai anos”.
Refírese o rexedor ao proxecto posto en marcha polo Concello para dar resposta ao amplísimo número de veciños e veciñas de Torneiros con cativos que dan uso a estas instalacións municipais e que contempla a ampliación do parque infantil, reparando os xogos xa existentes que se atopan nun estado moi degradado e instalando novos elementos así como a de amortiguación. A zona de xogo abranguerá unha superficie total de 1.850 metros cadrados e incluirá a instalación dunha gran tirolina de 20 metros de percorrido. Tamén se actuará nas instalacións deportivas que se atopan no recinto.
As melloras que se efectuarán supoñen unha inversión de máis de 100.000 euros.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS