Máis de 300 estudantes de secundaria homenaxearon á autora galega con regueifas, poesía, música e un “Caldo de Gloria”
A Praza Arquitecto Antonio Palacios foi escenario do tributo rendido a Rosalía de Castro, unha muller referente non só na literatura galega senón tamén do feminismo e compromiso coas causas sociais.
No acto, organizado polos equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros de secundaria en colaboración coa Concellería de Normalización Lingüística, participaron o IES Pino Manso, o IES Ribeira do Louro, o CPR Hermanos Quiroga e o CPR Santo Tomás.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, mostrou o seu agradecemento a toda a comunidade educativa por facer posible este emotivo acto xa que “a mellor maneira de manter viva a figura de Rosalía é a través das/os nenas/os e mozos/as, ninguén mellor que elas/es para transmitir o seu legado de liberdade, igualdade e amor pola nosa terra”. No mesmo sentido manifestouse a concelleira de Normalización Lingüística e Educación, Carolina González, quen destacou o Caldo de Gloria que desfrutaron este ano como un símbolo “que nos lembre que con case nada, somos quen de sobrevivir e ademais ser felices, que é o máis importante”.
A xornada estivo cargada de regueifas, da man de “Os Quinquilláns” e tamén de poesía e música, sen esquecer o remate de festa que o puxo unha cunquiña de Caldo de Gloria que degustaron xuntos na praza.
Verbas para Rosalía
Cada centro, ademais das súas actuacións, destacou no seu manifesto a importancia desta autora e de conmemorar este día. O CPR Hermanos Quiroga destacou o papel de Rosalía que para elas/es é “a voz dun pobo que ten fala de muller, feminina e feminista, a de todas as que levamos con orgullo na fronte unha estrela e no bico un cantar”. Un símbolo de “xustiza , é dor e é liberdade. Rosalía é todas e cada unha das que estamos e tamén das que non están. É cada recuncho deste país, é Ortegal e é o Miño. E é Cans, Atios, Torneiros, Budiño, Chenlo, Mosende e Pontellas e tamén é o Louro. Porque só aquelas voces que nos falan dende o máis fondo e con tanta verdade son quen de se alcumar a musa dos pobos”
No mesmo sentido se manifestaron as/os alumnas/os do CPR Santo Tomás. “Ela é un exemplo en moitos aspectos: literario, moral e, por suposto, de superación e constancia. Rosalía viviu nunha sociedade patriarcal onde as mulleres parecían invisibles, ante isto? Seguiu, seguiu, seguiu e seguiu, ata que o conseguiu”, apuntaron, “Cabe valorar a súa valentía, xa que actuou como una auténtica heroína” e “con todas as complicacións que tivo, foi quen de facer rexurdir o galego”.
Pola súa banda, o IES Ribeira do Louro puxo en valor a loita social da autora. “Usou a súa perspectiva para facer denuncias do que vía, do mundo do que era espectadora. E fíxoo dende a súa ollada de muller. Púxolles voz ás que tiñan que cargar co peso da familia e dos traballos, ás que tiñan que renegar de ter unha vida propia porque a moral da época llo prohibía”, afirmaron, “Ela foi sensible ás penurias do pobo, sen oportunidades, sen formación, sen alimento suficiente. Ela soñaba con un outro mundo posible. Se queremos serlle leal, debemos seguir soñando e axindo, como ela fixo, para poder alcanzar o soño”.
Por último, dende a comunidade educativa do IES Pino Manso reflexionaron sobre a importancia da muller galega que tan ben puxo de manifesto Rosalía na súa obra. “Ela, observadora, sensible e afectada polos problemas que como muller padeceu e viu padecer, e cos que se solidarizou e denunciou ao longo da súa vida e da súa obra, puxo de manifesto a presenza pública das mulleres que sempre estaban pero que nunca aparecían” e puxeron en valor o papel das mulleres no Porriño, “Nós vivimos nun concello onde as mulleres traballan e traballaron sempre na casa, no campo … ese era un traballo implícito na súa condición feminina pero tamén eran panadeiras, peixeiras, costureiras, ían no tranvía a Vigo a vender o leite e xa despois traballaban como operarias nas fábricas que se foron instalando no Porriño ( Zeltia, Frigolouro…) ou no comercio que se foi desenvolvendo . Todas elas axudaron a construír a vila que somos hoxe».