domingo, noviembre 24, 2024
InicioNewsO PaísLicitado o apartadoiro ferroviario da Plisan por 5,7 millóns

Licitado o apartadoiro ferroviario da Plisan por 5,7 millóns

A Xunta investirá 5,7 millóns de euros na construción do futuro apartadoiro ferroviario da Plataforma loxístico industrial Salvaterra – As Neves, segundo anunciou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, tras reunirse co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña.

Logo de poñer en valor que a Autoridade Portuaria licitará nos próximos días esta obra, a conselleira lembrou que esta área, da que son promotores a Xunta, a Autoridade Portuaria de Vigo e o Consorcio Zona Franca, está chamada a ser a gran zona de actividades loxísticas da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para a xestión e almacenamento de mercadorías e, ademais, permitirá impulsar o tráfico ferroviario deste tipo en Galicia.

Máis polo miúdo, este novo apartadoiro, que conta xa cun informe de impacto ambiental que conclúe que non son previsibles efectos significativos para o medio ambiente, disporá dunha lonxitude de vías de 750 metros e a previsión de que estea concluído antes de que remate 2025.

Permitirá operar tres trens lanzadeira co porto de Vigo e mellorar a capacidade de almacenamento de mercadorías. E, a maiores, servirá para que todas as empresas emprazadas na Plisan poidan utilizar o tren para o subministro de materias primaras, compoñentes e a distribución posterior dos produtos.
Por outra banda, segundo explicou a conselleira, co obxectivo de dar resposta ao “grande interese” do tecido produtivo en parcelas desta área industrial, o Goberno galego segue a traballar no seu desenvolvemento. Nesa liña, está a traballar na modificación do proxecto sectorial e nas expropiacións necesarias para poder implantalo e atender as necesidades dos sectores que precisan grandes superficies para a súa instalación.

De feito, no marco da modificación puntual do Plan sectorial de ordenación das áreas empresariais de Galicia (PSOAEG) que está en tramitación, a Xunta está a avanzar na incorporación á Plisan de preto de 1 millón de metros cadrados, que permitirán a ampliación dos terreos urbanizados, nos que xa non quedan parcelas de grandes dimensións. Así, con esta ampliación esta plataforma pasaría a contar cunha superficie total de 4 millóns de metros cadrados, reforzando a súa posición como a maior bolsa de solo industrial do sur de Galicia.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS