O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, comprobou as actuacións nas que o Goberno galego investiu máis de 38.000 euros a través dun convenio co Concello
Escoitamos as declaracións feitas por Diego Calvo e Nidia Arévalo durante a visita ao local social de Dornelas:
Calvo, acompañado tamén pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou o local social da Asociación de Veciños de Dornelas para coñecer as melloras executadas co apoio da Xunta. A través dun convenio asinado co Concello o pasado xullo realizáronse obras de pavimentación, climatización e impermeabilización para garantir a eficiencia enerxética das instalacións e o benestar das persoas usuarias. A achega do Goberno galego ascendeu a máis de 38.000 euros.
As obras incluíron a pavimentación do último andar e a cuberta de parte da planta superior, así como a impermeabilización da cuberta plana e a instalación dun sistema de climatización, inexistente na actualidade.
Segundo indicou Diego Calvo, as actuacións permitiron completar a renovación e dotación do local social de Dornelas, que presentaba un estado inacabado, ademais de corrixir as patoloxías e deficiencias construtivas que dificultaban o seu uso nunhas condicións axeitadas para a veciñanza. Deste xeito, garántese unha maior durabilidade das instalacións e un mellor illamento térmico e acústico.
As melloras súmanse ás xa realizadas no ano 2019, tamén para mellorar a eficiencia enerxética e que contaron cunha achega da Xunta de 20.000 euros, de xeito que o investimento total do Goberno galego no edificio superou os 58.000 euros.
Pola súa banda o Concello de Mos financiou con fondos propios o acondicionamento exterior do local social da AVV de Dornelas, realizando traballos de acondicionamento da zona sur e muro da Igrexa e de acondicionamento do torreiro da festa. Estes últimos co obxectivo de mellorar o espazo con novos pavimentos de formigón en lousa para mellorar a conexión co Camiño da Igrexa, por onde os veciños acceden ao Torreiro e Local Social; creación de espazos de estar adaptados á contorna e topografía da parcela, acceso peonil coa disposición dun pavimento empedrado sobre zahorra, este pavimento conecta o principal acceso desde o Camiño da Igrexa co novo espazo de estancia na zona Norte e co Local social; 3 gradas para salvar o desnivel existente entre o Torreiro e a parcela privada situada ao Norte e como espazo para a estancia e, nesta zona, execución dunha beirarrúa peonil que conecta co Centro Social e tres niveis de gradas con asentos orientados ao Sur, desde os que contemplar as actuacións. E, por último, axardinamento, mobiliario urbano e iluminación empotrada no pavimento.
Axuda autonómica
A iniciativa de mellora interior subvencionada pola Xunta de Galicia enmárcase no compromiso da Xunta coas administracións locais e coas asociacións veciñais, como entidades máis próximas á cidadanía e mellor coñecedoras das demandas sociais das súas contornas. Nesta liña, o vicepresidente segundo referiuse ás distintas liñas de axudas impulsadas pola Xunta para apoiar de xeito específico estas entidades.
Así, a través da Orde para a creación e mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, dotada con 3,5 millóns de euros, facilítanselles aos concellos melloras nas dependencias de uso público, no alumeado, camiños municipais ou en parques infantís, entre outras. A esta medida súmaselle o Fondo de Compensación Ambiental, que cun orzamento superior aos 11M€ impulsa distintas accións a prol do medio natural.
Pola súa banda, as asociacións veciñais ou de mulleres rurais e as comunidades de usuarios de augas dispoñen do Plan específico de acción comunitaria, que destina 3M€ para melloras nos locais sociais e nas infraestruturas de abastecemento comunitarias.
Equilibrio territorial
Diego Calvo incidiu na importancia destas medidas para “garantir un equilibrio no territorio galego entre o medio rural e o urbano, o interior e a costa, que permita o desenvolvemento económico da totalidade do territorio, de xeito que a cidadanía teña as mellores condicións de vida con independencia de onde resida”. Para o vicepresidente segundo, o labor dos concellos e das asociacións de veciños é fundamental na consecución desta meta, como entidades prestadoras de servizos de proximidade e como dinamizadoras da vida social e cultural no eido local, respectivament