sábado, noviembre 23, 2024
InicioComarcasLouriñaNormalización Lingüística do Porriño expón o seu labor ao alumnado da Uvigo

Normalización Lingüística do Porriño expón o seu labor ao alumnado da Uvigo

A universidade convidou ao persoal técnico deste servizo municipal para participar nas Xornadas de Orientación Laboral e informar ao alumnado do traballo que desenvolven

Persoal técnico do Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Porriño participou, o pasado 15 de febreiro, nas Xornadas de orientación laboral organizadas pola Universidade de Vigo.
A universidade convidou á técnica de Normalización Lingüística do Concello do Porriño, Andrea González, a ofrecer unha panorámica do labor desenvolvido dende a súa creación ata a actualidade, así como dar a coñecer as súas funcións internas e coa cidadanía. Ademais, o alumnado da UVigo puido coñecer de primeira man información sobre os procesos selectivos para traballar neste tipo de servizos lingüísticos na Administración local.
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Porriño, activo dende 2021, pertence á Concellería de Educación e Normalización Lingüística que dirixe Carolina González. A pesar da súa recente creación, é un departamento que traballa de forma activa tanto nas súas funcións de corrección e asesoramento lingüístico coma no ámbito da dinamización lingüística, no que colabora asiduamente cos demais departamentos locais de Cultura, OMIX e Biblioteca. Precisamente coa Biblioteca Municipal organiza as “Xornadas de creación literaria: Da inspiración ao libro”, que se desenvolverán do 2 ao 24 de marzo no Centro Cultural Municipal e que pretenden ser unha panorámica do proceso creativo polo que pasa unha idea ata acabar materializada nun libro (creación, edición e autoedición; certames literarios, opinións das persoas lectoras etc.).
No blog do SNL do Porriño (https://normalizacionlinguisticaoporrino.wordpress.com/) poderás atopar toda a información que precises relacionada cos recursos lingüísticos, campañas de dinamización, materiais publicados, lexislación lingüística do Porriño ou novidades relacionadas coa lingua galega. Ademais, a técnica de Normalización Lingüística poderate asesorar tanto de forma presencial coma telemática en calquera dúbida lingüística que se che presente, así coma noutros temas relacionados coa lingua galega.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS