O Concello presentou a programación conmemorativa con colectivos femininos como as Palilleiras de Mos, a Asociación de Mulleres Rurais, e o Grupo de Teatro Mulleres en Igualdade
O auditorio do Centro Dotacional do Medio Rural de Torroso acolleu o acto de presentación da programación que o Concello de Mos organiza para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, e na que desde a administración local prevese que participen máis de 1.000 mulleres.
Na presentación estiveron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, e integrantes dos colectivos femininos mosenses as Palilleiras de Mos, a Asociación de Mulleres Rurais e o Grupo de Teatro Mulleres en Igualdade.
A programación do 8M en Mos comezará o 1 de marzo coa mesa redonda “Reforma dos delitos contra a liberdade sexual” coa colaboración das Mulleres en Igualdade de Vigo e a participación da xuíza do Xulgado Penal nº4 de Pontevedra, especialista en violencia de xénero, Belén Rubido de la Torre. Celebrarase no Pazo de Mos ás 18.00 horas.
O día 4 de marzo, “Andaina pola muller” organizada polas Mulleres Rurais Val da Louriña. Terá lugar polo Paseo do Louro con saída desde o Pazo de Mos ás 10.00 horas.
O propio 8M farase unha homenaxe ás mulleres emprendedoras no Pazo de Mos ás 19.00 horas.
O 11 de marzo celebrarase a cea – baile de mulleres no Pavillón Óscar Pereiro ás 21.30 horas cun prezo de 30 euros. No mesmo lugar, ao día seguinte, a partir das 18.00 hroas, terá lugar o Festival de Patinaxe pola Igualdade no que participarán as Escolas de Patinaxe de Mos, o Club Rosaleira e o Club Xiramos.
E o 18 de marzo impartirase un seminario de autoprotección feminina “Woman defense” no Pavillón Patricia Martínez en horarios de mañá (de 09.00 a 14.00) e de tarde (de 16.00 a 21.00).
Xa no mes de abrilo, o día 29, realizarase unha viaxe a Cíes para mulleres, con saída desde o Multiusos das Pozas ás 09.30 horas e chegada aproximada a Mos ás 19.00 horas. A actividade será de balde para todas as participantes ata dispoñibilidade de prazas na Illa. Por este motivo cómpre que as interesadas se inscriban canto antes, atopándose xa o prazo aberto, que finalizará o propio día 8 de marzo.
As interesadas en obter máis información de todas as actividades poden dirixirse ás Oficinas do Multiusos das Pozas ou chamar ao teléfono 986 33 94 04. As inscricións deberán formalizarse no rexistro do Concello.