As actuacións en marcha suman unha inversión total de 5 millóns de euros, 2 corresponden a traballos a executar no primeiro semestre deste ano e 3 a traballos que se atopan en fase de redacción de proxectos ou tramitación de permisos sectoriais
Dotar de saneamento a todo o municipio do Porriño foi dende o principio unha premisa do executivo local que preside Alejandro Lorenzo e, tras deseñar a folla de ruta necesaria para ultimar a rede municipal, pon en marcha actuacións que alcanzan unha inversión de case 5 millóns de euros.
Estas levaranse a cabo nas sete parroquias e centro urbano e darán servizo a unha poboación estimada de 1.850 veciños, estendendo máis de 28 km de rede que conectará 604 vivendas aos sistema de recollida de augas residuais do Louro.
Así o anunciou hoxe o alcalde, quen concretou que 1.997.211,93 euros corresponden a actuacións que se están a licitar e se executarán no primeiro semestre deste ano e 2.782.620,47 euros ás que se atopan na fase de redacción de proxectos ou tramitación de permisos sectoriais.
Neste sentido, cabe destacar que o pasado mes de xullo a oposición tombou no pleno a proposta do goberno municipal de investir parte do remanente de tesourería na redacción de todos os proxectos do plan director e agora, poderá levarse a cabo grazas a unha operación similar da entidade supramunicipal que preside Lorenzo. “No Consorcio aprobamos un crédito extraordinario, financiado co remanente líquido de tesourería, para levar a cabo traballos de abastecemento e saneamento nos catro concellos asociados e, tal e como establecen os estatutos, as contías repártense en función da participación de cada un deles nos ingresos da entidade polo que ao Porriño lle corresponden 1.025.054,46 euros”, explicou o rexedor, quen destacou que parte destas obras “incluíanse tamén no orzamento que presentamos o ano pasado e que tamén foi rexeitado pola oposición. Concretamente eran 3,5 millóns en proxectos de saneamento que agora se farán realidade grazas á xestión realizada por este goberno a través de partidas procedentes do Consorcio, da Xunta de Galicia, do Plan Concellos e fondos propios”.
“Estas actuacións son fundamentais para garantir uns servizos esenciais para a veciñanza que redundan directamente na súa calidade de vida”, concluíu o alcalde. “Por iso o gran reto deste concello é a consecución do saneamento integral. A estes 5 millóns de euros habería que sumar outros 9 máis para chegar aos 14 que se necesitan para completar o plan director e, pese que son consciente de que é un obxectivo a largo prazo, isto é e seguirá a ser unha prioridade para min polo que seguiremos avanzando na redacción de proxectos con fondos propios”.