Preto de 200 escolares participaron nun programa que se emitiu en directo dende a praza Arquitecto Antonio Palacios
A Praza Arquitecto Antonio Palacios converteuse na mañá deste luns nun enorme estudio de radio cos nenos e nenas do Porriño aos micrófonos. A Concellería de Educación, que dirixe Carolina González, a través da OMIX, conmemorou o Día Internacional da Radio da man de Si Radio de Galicia cun programa en directo no que participaron os centros educativos do municipio.
“Esta actividade ten como finalidade dar a coñecer e achegar aos escolares o mundo da radio como ferramenta educativa cun enorme potencial, que converte ao alumnado en protagonistas activos e entusiastas do seu propio proceso de aprendizaxe”, apuntou a concelleira.
En total participaron 193 estudantes do CEIP Cruz Budiño, CEIP Plurilingüe Antonio Palacios, CPR Santo Tomás, CEIP Plurilingüe de Atios, CPR Hermanos Quiroga e Aceesca. Os temas que se trataron foron diversos e atenderon ás propostas e inquedanzas da infancia do Porriño. Falouse de igualdade, de poesía, do entroido e tamén houbo un oco para conmemorar o Día internacional da muller e a nena na ciencia, reflexionando sobre o coñecido Efecto Matilda e a campaña No More Matildas que pretende denunciar a discriminación sufrida por moitas científicas e investigadoras da historia.
“Hoxe é un día para poñer en valor este medio que, pese aos cambios que se produciron nos últimos anos no acceso á información, mantívose como medio de comunicación pola súa inmediatez, proximidade e pola súa capacidade de chegar a calquera lugar”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo. “A radio é unha ferramenta poderosa e por iso cremos que a mellor forma de reivindicalo é achegándoo aos máis pequenos, permitíndolles expresarse e ser escoitados”.