lunes, noviembre 25, 2024
InicioComarcasLouriñaPorriño disporá dun novo espazo verde no casco urbano

Porriño disporá dun novo espazo verde no casco urbano

O alcalde reuniuse coa conselleira de Medio Ambiente para avaliar o proxecto desta gran área que unirá as rúas Pío XII e Antonio Palacios e que albergaría dende un renovado parque infantil ata un pequeno auditorio ao aire libre

Un proxecto municipal para o acondicionamento e a humanización dun novo espazo verde público no casco urbano foi o tema central tratado na última xuntanza que o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, tivo esta semana en Santiago de Compostela, coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.
O rexedor local explicoulle os pormenores da iniciativa coa que quedarían unidas as rúas Pío XII e Antonio Palacios. “Remodelaríase toda a zona do parque infantil conectándoa, ao mesmo nivel, coa área que actualmente se emprega de aparcadoiro de vehículos, preto da casa do Concello”, sinala Lorenzo.
A obra consistiría na posta en valor deste espazo, de máis de 7.000 metros cadrados de superficie, xerando novas oportunidades de uso para mellorar a calidade de vida da cidadanía. De feito, o proxecto do Concello inclúe a plantación de novas especies vexetais para dotar a contorna de máis espazos de sombra, así como a instalación de novo mobiliario.
A maiores, mellorarase a comunicación peonil co centro urbano da localidade, pois ámbalas dúas rúas conectan con outras dúas arterias da vila como son a peonil Ramón González e a Avenida Domingo Bueno (N-550); renovarase o parque infantil existente e crearase unha zona con gradas co obxectivo de poder celebrar eventos ao aire libre como concertos, conferencias e espectáculos infantís, entre outros.
Quinto contedor
A maiores, durante o encontro, o alcalde tamén lle trasladou á conselleira a intención do Concello de implantar a recollida diferenciada da materia orgánica contida nos residuos urbanos (FORSU) a través do quinto contedor.

Nesa liña, Ángeles Vázquez lembrou que, aínda que a xestión dos residuos domésticos é unha competencia municipal, a Xunta seguirá ao carón dos concellos para axudarlles a cumprir coas súas obrigas e cos obxectivos marcados a nivel comunitario.

De feito, a Xunta decidiu apostar en 2023 por ampliar ata o 15% a bonificación do canon de Sogama a todos aqueles concellos adheridos, como é o caso do Porriño, que promovan a redución de residuos e/ou o incremento da reciclaxe de envases lixeiros, trasladen a rebaixa ao recibo que pagan os usuarios e, como novidade, asuman o compromiso de introducir a recollida separada dos biorresiduos antes do 31 de decembro de 2023 a través do quinto contedor.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS