O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o do Medio Rural, José González, na compaña do alcalde do Concello do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitaron as obras que estarán rematada neste mesmo ano 2023
Escoita as declaracións:
Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade:
José González, conselleiro do Medio Rural:
Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño:
O alcalde do Porriño amosouse moi satisfeito do avance dos traballos cuantificados en máis do 30% de execución. “Estamos ante un feito importantísimo para o noso Concello, porque era algo moi necesario e moi demandado”, subliñou. “Que unha terceira parte da obra xa estea executada significa que vai a bo ritmo e dentro de moi pouco, neste mesmo 2023, xa será unha realidade e todos poidamos facer uso destas novas instalacións, cunha reorganización dos espazos, novo equipamento e por suposto reforzo de persoal”, explicaba Lorenzo sen esquecer a importante inversión realizada, máis de 4,3 millóns de euros.
Comesaña destacou na súa intervención, na que tamén estivo presente o xerente da área sanitaria, Javier Puente, así como o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, que este proxecto incide, cunha superficie de ampliación de máis de 1.100 metros cadrados, “na reorganización dos usos e da súa distribución entre o edificio existente e o novo”. Neste sentido indicou que “unha vez que se remate esta parte nova, pasarase a unha segunda fase, que será a reforma da existente”.
O titular da carteira sanitaria do executivo galego explicou que a ampliación “dará lugar a un novo volume de tres andares que acollerá o punto de atención continuada, ademais da nova área de fisioterapia e gran parte dos servizos internos do conxunto”.
Segundo detallou Comesaña, a obra leva ao centro a experimentar un incremento, na área de adultos, de dúas consultas de medicina xeral, unha de enfermería, unha de matrona, unha polivalente, e unha sala de técnicas. Na área pediátrica, o incremento é dunha consulta de pediatría, unha de enfermería especialista e doutra polivalente. Polo que atinxe á zona de PAC, o incremento é dunha consulta de observación, dúas de medicina e unha de enfermería.
En total o centro contaría cos seguintes espazos asistenciais: 8 consultas de Medicina de Familia, 6 de Enfermería, 1 polivalente, 1 sala de toma de mostras, 1 sala de técnicas, 1 de Farmacia, área de Fisioterapia, área de Odontoloxía, área de Pediatría (3 consultas de Pediatría e 2 de Enfermería pediátrica), 1 consulta de matrona, sala de educación sanitaria, despacho traballador social, despacho de coordinación, sala de estar de persoal, sala de xuntas, 1 despacho en admisión. E na área do PAC, 2 Salas de Reanimación/Observación, 3 consultas médicas e 2 consultas de Enfermería, 6 dormitorios, sala de persoal aseos e vestiarios.
O conselleiro de Sanidade tamén destacou que a Xunta reforzou este centro de saúde este ano incorporando un novo médico con praza fixa, un dietista-nutricionista e un equipo de soporte de atención a domicilio, que realiza o seu labor na contorna do centro.
No apartado de equipamento, o goberno galego dotou a este centro, no ano 2020, de dous desfibriladores, dous espirómetros, dous hólters de presión arterial e un retinógrafo.
Tamén destacou Comesaña que o equipo do centro de saúde do Porriño aprobou xa o seu primeiro plan local de saúde, o que permitirá mellorar a asistencia, e sinalou que o seu persoal administrativo resolve, no mesmo día, o 99% das chamadas, devolvendo as non atendidas en primeira instancia nun tempo medio de 38 minutos. No que respecta á demora, o conselleiro dixo que “o 75% dos médicos do centro teñen cita dispoñible en menos de catro días”.
Uso da madeira
A presenza do conselleiro do Medio Rural, José González, na visita debeuse ao emprego da madeira neste proxecto. Así, destacou que, neste centro de saúde, “vaise incorporar a madeira -e máis concretamente o piñeiro galego- como elemento estrutural na súa fachada”. O piñeiro galego utilizarase ademais en revestimentos interiores e no acondicionamento acústico do edificio. A madeira e os seus derivados tamén estarán presentes nalgúns dos paramentos, pavimentos, mobiliario fixo e carpintaría exterior.
Esta iniciativa, “forma parte dun acordo ao que chegamos as consellerías do Medio Rural e de Sanidade para fomentar o emprego da madeira galega nestas instalacións”, remarcou González.
Trátase de crear contornas que favorezan a sensación de benestar nestes centros, así como de impulsar a utilización de materias de orixe biolóxica e reciclables nas obras públicas, para diminuír a pegada de carbono. “O que queremos é incentivar o deseño de produtos derivados do sector forestal, na procura de solucións estruturais verdes que contribúan ao coidado do medio ambiente”