As persoas interesadas en participar este ano na iniciativa xa poden anotarse na web municipal
Mos repite programa de andainas medioambientais un ano máis, chegando xa á súa terceira edición. A iniciativa comezaba en 2021, ano no que se levaron a cabo cinco camiñadas. O ano pasado duplicáronse as saídas e realizáronse 10, unha por parroquia, nas que participaron en total unhas 1.500 persoas. En 2022 triplicáronse os participantes respecto á primeira edición, xa que en 2021 foi medio milleiro de participantes os que fixeron as andainas medioambientais do Concello de Mos.
A rexedora local, Nidia Arévalo, e o edil de Medio Ambiente Sostible, Leo Costas, informaron de que os interesados en participar neste novo programa de andainas xa poden inscribirse gratuitamente a través da páxina web municipal www.mos.es accedendo ao formulario de inscrición na seguinte ligazón: https://www.mos.es/andainas-medioambiente/
As andainas realizaranse en domingos de 10.00 a 13.00 horas na primavera e no outono. Levaranse a cabo 4 ou 5 saídas en primavera e 5 ou 6 en outono. Os participantes recibirán como agasallo unha mochila e un chaleco.
O concelleiro informou de que desde a administración local “estase deseñando o percorrido das andainas en colaboración con diferentes colectivos parroquiais e xa se atopan definidas as características comúns que compartirán todas elas”.
Todas terán un percorrido cunha lonxitude mínima de 6 quilómetros e máxima de 9 quilómetros. Ningunha delas poderá ter máis dun 20% do traxecto que transcorra por asfalto. Fomentarase o paso por zonas máis descoñecidas para a veciñanza como poden ser sendeiros de regadío, carreiros, pistas, etc. Toda aportación e idea dos diferentes colectivos colaboradores será benvida.
A participación neste programa é totalmente libre e de balde, e poden acudir membros de toda a familia, tamén cans se son sociables.
Os asistentes contarán con auga para beber durante o traxecto e vixilancia e acompañamento por parte da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos.
Este programa de andainas trátase dunha iniciativa que persegue o obxectivo de promover un lecer de goce do patrimonio natural local mosense, así como de concienciación medioambiental. Ocio pro medio ambiente