Disputan mañá sábado a segunda cita do Campionato Ibérico Legend SRC na sede do Slot Club Porriño
O Concello do Porriño acolle un evento de scalextric primeiro nivel, será da man do Slot Club Porriño, na súa sede localizada no número 2 da rúa Ourense. Trátase do Campionato Ibérico Legend organizado pola marca SRC. A competición celebrarase ao longo deste sábado, 4 de febereiro, e contará coa participación de máis de 40 pilotos procedentes de toda Galicia e do Norte de Portugal.
O alcalde Alejandro Lorenzo e o concelleiro de Deportes Abel Estévez presentaron xunto con representantes do Slot Club Porriño o cartel desta xornada que dará comezo ás 09.00 horas coas verificacións, momento no que a organización porá a lupa nas mecánicas dos coches para comprobar de que todo está correcto. A saída do primeiro dos coches está prevista para ás 10.00 horas. Os pilotos deberán percorrer 20 tramos, divididos en catro sección de cinco tramos cada unha. A proba continuará pola tarde, xa que logo da parada para xantar, a partir das 16.00 horas, os pilotos volverán a poñerse aos mandos dos seus vehículos para disputar as dúas últimas sección.
A cita de mañá é a segunda, única na provincia, dun total de 16 probas repartidas por toda a xeografía española e Norte de Portugal. Neste campionato Legend os participantes están divididos en cinco categorías: os 4×4, para coches con tracción ás catro rodas; os 4×2, para os coches con só tracción atrás; os máster, para pilotos nacidos antes de 1973; os infantís, para a cativada nacida a partir do 01/01/2009 e a categoría damas.
Dende o Concello e dende o Slot Club Porriño animan a asistir a “esta gran xornada de scalextric, aínda que só sexa para ver como van de rápido estes vólidos”.