Comezará o venres 17 cun festival nos exteriores do Pazo de Mos, continuará co desfile da tarde do domingo 19 en Sanguiñeda e rematará o luns 20 cunha festa infantil no multiusos das Pozas
Xa se respira na localidade mosense a ledicia da celebración máis divertida do ano. A alcaldesa , Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura e Participación Cidadá, Sara Cebreiro, presentaron a programación do entroido de Mos para este ano 2023.
Anunciaron que o programa de actos comezará o venres 17 de febreiro co Festival de Entroido nos exteriores do Pazo de Mos a partir das 23.00 horas coas actuacións musicais de Los Lunes al Sol, Ging Toni´s e DJ Omy Cid.
O luns 20 de febreiro celebrarase a Festa Infantil de Entroido no Multiusos das Pozas desde as 17.00 horas, contando coa Orquestra Ce Pantasma e Barafunda Animación.
Desfile de comparsas
O tradicional desfile de comparsas será o domingo 19 de febreiro pola Avenida de Sanguiñeda. Dará comezo ás 17.00 horas e o broche final porao o concerto do grupo Girl’s Gang.
As comparsas interesadas en participar no desfile teñen de prazo para inscribirse ata o mércores día 15 de febreiro. O listado de comparsas admitidas será publicado o xoves día 16 na web do Concello.
O desfile divídese en dúas seccións: grupos e comparsas, dentro das comparsas 2 categorías: infantís, ata 12 anos, e adultos, de 13 anos en adiante; consideraranse dunha ou doutra categoría atendendo á porcentaxe de idade que teña maior número de compoñentes, como mínimo nun 60%.
O xurado do concurso de comparsas estará formado por dúas persoas do mundo do teatro e o espectáculo; unha persoa do mundo do deseño, a confección e a moda; outra do mundo do baile; unha do mundo da perruquería e maquillaxe e estará presidido pola concelleira de Cultura.
8.000 euros en premios
Por unha parte haberá premio á participación, que será de 200 euros ao grupos, de entre 15 e 25 compoñentes; de 300 euros ás comparsas de 26 a 40 integrantes e de 400 euros para aquelas de máis de 41 persoas, na categoría infantil; e na categoría adulto, 400 euros para as de entre 26 e 40 compoñentes e de 500 euros para as de más de 41 integrantes. O orzamento máximo para estes efectos é de 5.900 euros.
Por outra banda, repartiranse ademais 2.100 euros en premios ao mellor grupo (200 euros), mellor comparsa infantil (500 euros) e mellor comparsa de adultos (500 euros) e mencións especiais á mellor carroza (300 euros), mellor vestiario (300 euros) e animación (300 euros).