lunes, noviembre 25, 2024
InicioComarcasLouriñaCatastro denega o cambio de titularidade de terreos de particulares solicitado polos...

Catastro denega o cambio de titularidade de terreos de particulares solicitado polos comuneiros de Tameiga

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, asegura que o Concello continuará a defender aos particulares e empresas «que están a ser vítimas da ofensiva clara da Comunidade de Montes de Tameiga, que pretende por en perigo centos de postos de traballo e vivendas» e asegura que volverá» a declarar con contundencia ante esta tremenda inxustiza»

Ademais, as cinco empresas de Monte Faquiña afectadas pola sentenza da Audiencia Provincial presentaron recurso no Tribunal Supremo o pasado 12 de xaneiro. A sentenza da Audiencia nubla o futuro das empresas en mans dos comuneiros de Tameiga.
Polo que respecta ao cambio de titularidade das parcelas, aseguran dende o Concello que “poñen en perigo terreos e vivendas de particulares, nalgúns casos casas con hipotecas ou fogares de veciños en situación especialmente sensibles”. Catastro denegou ese cambio de titularidade agás nos casos nos que o anterior titular era o Concello.

É por elo que o Concello de Mos e a súa alcaldesa, Nidia Arévalo, apoian o recurso no Supremo presentado polos afectados e farano “con contundencia” na declaración que faga a rexedora local, pois Arévalo considera “unha ofensiva clara contra Concello, empresas e veciñanza por parte da Comunidade de Montes de Tameiga e unha tremenda inxustiza coa que se pretendía incluso poñer en perigo a vivenda e os terreos propiedade de particulares; e pon en risco centros de empregos dos traballadores das cinco empresas afectadas”.

Cómpre ademais destacar que o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número dous do Porriño ditara sentenza a principios do ano pasado a favor das empresas afectadas e ante a demanda por elas presentada. Polo que previamente un xuíz xa ditaminara favorablemente que era tácita a prórroga dos contratos de dereito de superficie asinados anos atrás polo Concello coas empresas instaladas no polígono de Monte Faquiña e ás que a Comunidade de Montes en man común de Tameiga pretende impoñer unhas condicións leoninas para continuar desenvolvendo a súa actividade.

A resolución do Xulgado de Primeira Instancia ampliaba a duración dos contratos durante 25 anos a contar desde a data en que alcanzasen os primeiros 50, extremo que agora quedará a expensas do que decida finalmente o Tribunal Supremo ao resolver o recurso que xa interpuxeron os empresarios afectados. A sentenza inicial entendía que se vulnerou o “principio de confianza lexítima” e consideraba especialmente claro para iso o testemuño prestado no xuízo pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, cando afirmou que os terreos, antes de que fosen xudicialmente adxudicados aos comuneiros, foran arrendados para a súa explotación industrial e que existía unha clara vontade política para prorrogar os contratos sempre que se mantivese o emprego local e as instalacións, a fin de compensar os investimentos que realizasen os empresarios.

Este conflito suscitouse por mor de que os tribunais outorgasen a propiedade do chan que ocupan as empresas ás comunidades de montes. Os comuneiros de Tameiga decidiron non respectar as condicións dos contratos fixados no seu día polo Concello de Mos coas firmas empresariais, que afrontaran millonarios investimentos para poñer en marcha as súas actividades baixo a premisa de contar cun canon determinado e unha duración da concesión suficiente para garantir a amortización do negocio. Moitas delas atopáronse con que as súas concesións caducaban, sen que fosen respectarse sequera os acordos tácitos e verbais alcanzados co Concello para prorrogalas, e que a entidade comunal pretendía impoñer un canon totalmente desorbitado e inasumible, con incrementos por riba do 1200%.

Co fallo da Audiencia Provincial xurde de novo unha incerta situación para propietarios particulares e complica o futuro das cinco compañías demandantes Redphone Galicia, Telenet Central Loxística, Distribucións Alonso Otero, Blanco Quintás e Autocares García.

Desde o Concello de Mos confíase na decisión definitiva do Tribunal Supremo para poder atopar fórmulas que poidan dar seguridade xurídica ás empresas que queren permanecer e crecer en Galicia.

Respecto do cambio de titularidade en Catastro, celebrar que Catastro denegase o devandito cambio no caso das afeccións a veciños que teñen asentada a súa vivenda en Tameiga, incluso en moitos casos xa herdada dos seus pais e/ou avós

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS