martes, noviembre 26, 2024
InicioComarcasLouriñaJuan Carlos Giráldez, un exemplo de empatía e loita

Juan Carlos Giráldez, un exemplo de empatía e loita

A Asociación de Afectados de Silicose e o Concello do Porriño lamentan o falecemento do presidente de OSÍLICE, Juan Carlos Giráldez, e chaman a non deixar morrer a súa loita por mellorar a calidade de vida das persoas con silicose

A silicose volve a cobrarse a vida dun dos nosos. Juan Carlos Giráldez, presidente da Asociación de Afectados por Silicose OSÍLICE, faleceu a causa desta enfermidade que xa arrebatou a tantas persoas no Porriño.
José Carlos, de 54 anos de idade e veciño de Atios, foi un exemplo de empatía e loita que perdurará sempre. Tal e como relataba o vicepresidente de OSÍLICE e amigo de Juan Carlos dende a infancia, Serafín Ramilo, “dedicou gran parte da súa vida a atender a persoas que padecían esta enfermidade e se atopaban perdidos ou desorientados sen saber como afrontar o diagnóstico. Carlos entregouse a acompañar e apoiar á xente que como el loitaba contra a silicose”. Con este fin, o de dar respaldo aos centos de afectados que había e hai no Porriño e na contorna, fundaron xuntos a asociación no ano 2013.
“Esta enfermidade marcou a súa vida e a da súa familia”, explica Serafín, “tres xeracións faleceron por esta causa, o seu avó, o seu pai e logo el, tal vez por iso cando enfermou decidiu dedicar gran parte da súa vida a axudar aos demais, a loitar polos seus dereitos e guialos neste duro camiño. Dende que fundamos a asociación asesoraba a moita xente que contactaban con el a través da web de Osílice, non só do Porriño ou Galicia, senón de toda España”.
“E todo ese traballo, como a el lle gustaría, debemos continualo para que as vindeiras xeracións non cometan os mesmos erros e poidan traballar co granito ou calquera outro material sen o risco de morrer por esta enfermidade”, concluíu Serafín.
Por iso, dende Osílice queren agradecer publicamente a Juan Carlos todo o traballo, tempo, esforzo e dedicación que deu aos demais ata o último momento, incluso cando xa lle fallaban as forzas, e materializar ese agradecemento dando continuidade ao seu traballo.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, no seu nome e no do pobo quere agradecer a Juan Carlos “o inmenso e desinteresado labor que fixo para e polos demais. Perdemos a un amigo, a unha persoa excepcional e a un exemplo de humanidade e loita”. O rexedor quixo incidir na mensaxe dos seus compañeiros de OSÍLICE facendo unha chamada “a non deixar morrer o legado de Carlos xa que iniciou un camiño para mellorar a vida dos enfermos de silicose que agora nós debemos continuar ata o final”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS