Alejandro Lorenzo visitou o centro tecnolóxico asentado no municipio
Foi acompañado pola concelleira de Industria, Rosario Costas, que estiveron guiados polo presidente da entidade, Antonio Casal e o director xeral, Jesús Lago, con quen se reuniron nunha xuntanza na que lles explicaron o traballo que veñen desenvolvendo como centro tecnolóxico de referencia no ámbito da fabricación avanzada e fábrica intelixente.
A continuación, percorreron as instalacións da Planta de Tecnoloxías de Unión e a Planta de Tecnoloxías Láser, onde se puido coñecer o equipamento vangardista do que dispón o centro para favorecer a innovación e proporcionar á industria galega servizos de alto valor engadido.
Antonio Casal agradeceu a visita e puxo en valor a importancia da colaboración entre centros e administracións para seguir innovando e reforzar a transferencia de tecnoloxía e coñecemento ao tecido empresarial.
Pola súa parte, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia de contar no municipio cun centro tecnolóxico referente en I+D+i a nivel nacional e internacional e reiterou a disposición do Concello do Porriño a colaborar no necesario para que Aimen siga contribuíndo á mellora tecnolóxica das principais empresas galegas e tamén co desenvolvemento económico do Porriño.