O número de préstamos incrementouse nun 21% respecto ao ano anterior, situándoa á cabeza da clasificación galega xunto coas das grandes cidades
A biblioteca municipal do Porriño, dependente da concellería de Cultura , rexistrou no 2022 o seu récord histórico de préstamos e un alto índice de participación nos seus servizos e actividades. Así o sinalan os datos contabilizados o pasado ano que, con 27.747 préstamos, rexistran un incremento dun 21%, situando á Biblioteca do Porriño á cabeza da clasificación galega xunto ás das grandes cidades.
O número de préstamos é o maior indicador de éxito pero tamén destaca o incremento de usuarios. Na actualidade son 8.344 as persoas usuarias, dos cales 494 se deron de alta no 2022.
“O segredo do éxito da nosa biblioteca é manter a colección totalmente actualizada e facer a inversión necesaria para que as/os usuarias/os dispoñan das últimas novidades tanto en lingua galega como en castelán. Contamos cun fondo de 39.940 documentos á disposición das/os usuarias/os”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo. “Ademais, a biblioteca non se limita a ofrecer o servizo de préstamo, tamén sirve de plataforma de iniciativas culturais atractivas e de numerosas actividades de promoción da lectura”.
Neste sentido destacan iniciativas como o Club de Lectura, concibido como un espazo para ler e falar dos libros; as xornadas para familias e profesionais “Acompañando na aventura de crecer”, que este ano se retomarán incluíndo, ademais das conferencias, talleres para nais e pais, e a Feira do Libro.
Este ano sumaranse as xornadas de creación literaria “Da inspiración ao libro”, organizadas en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Porriño e o Club de Lectura. A galega Ledicia Costas, será a encargada de presentalas e contarán con nomes como Marcos Calveiro, Diego Giráldez, Raquel Castro ou Carlos Meixide.