martes, noviembre 26, 2024
InicioComarcasLouriñaAceesca construirá unha nova residencia de atención á discapacidade no Porriño

Aceesca construirá unha nova residencia de atención á discapacidade no Porriño

A Xunta de Galicia concede 2 millóns de euros para facelo posible

A Asociación de Apoio a Persoas con Diversidade intelectual, Aceesa, con sede no Porriño, resultou beneficiaria dunha achega de 2 millóns de euros que a Xunta de Galicia lle concedeu para a creación dunha residencia de atención á discapacidade na capital da Louriña. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada pola delegada territorial da Administración autonómica en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitou hoxe as instalacións da asociación en Torneiros.
Aceesca é unha das dez entidades de Galicia que se beneficiará da nova orde de axudas para a construción ou remodelación de centros para a atención a persoas maiores e con discapacidade de titularidade social, dotada de 13 millóns de euros. Con este apoio económico por parte do Goberno galego, Aceesca creará un novo centro residencial con 48 prazas .
Fabiola García destacou o traballo que realiza a entidade no Porriño nos seus centros de día e ocupacional, nos que a Xunta financia no seu conxunto 73 prazas ás que destina 800.000 euros ao ano -36 prazas no centro de día e 37 no centro ocupacional-. Ademais, recoñeceu o compromiso do Concello do Porriño na atención ás persoas con discapacidade e aos maiores e sinalou que o Goberno galego seguirá a traballar da man do Concello para ampliar o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar ou para levar ao municipio atención gratuíta en audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria a través do programa de Coidados porta a porta.
Vehículos adaptados e subida salarial
A conselleira referiuse tamén a outras medidas dirixidas a apoiar ás entidades que actúan no ámbito da discapacidade, como a nova orde de axudas para a adquisición de vehículos adaptados, dotada de 3,6 millóns de euros e das que se beneficiarán 80 entidades, entre elas Aceesca.
Pola súa banda, o alcalde agradeceu a axuda da Xunta de Galicia “para poder facer realidade este ilusionante proxecto” e destacou “a importancia de que todas as administracións se impliquen para facer posible que esta asociación poida levar a cabo as súas iniciativas, todas elas en beneficio das persoas con discapacidade intelectual do Porriño e tamén da contorna”. O rexedor concluíu reiterando que “a man do Concello estará tendida para Aceesca sempre que a necesiten”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS