Rueda anuncia un plan para reducir nun 23 % a espera media para consultas sanitarias e probas diagnósticas e un 26 % o tempo de agarda para operacións.
Alfonso Rueda:
A Xunta aprobou este xoves un plan co que pretende acurtar as esperas no Sergas.
Alfonso Rueda explicou tras o consello da Xunta que tratarase dunha «actividade extraordinaria» tanto en centros de saúde como hospitais.
«Un plan ambicioso que intenta recuperar os mellores datos, que foron os do ano 2019, conscientes do esforzo que van facer os profesionais da Sanidade pública, e na necesidade de arbitrar os recursos orzamentarios necesarios para facer todo isto realidade», afirmou Rueda.
O Sergas vai intensificar este ano a actividade a maiores da extraordinaria que xa se viña facendo polas tardes, para axilizar operacións e consultas.
O obxectivo é que a espera media para entrar en quirófano para unha operación sexa inferior a 55 días, algo que se conseguirá incrementando a «autoconcertación hospitalaria», a actividade concertada fóra da xornada ordinaria.
Deste xeito o Servizo Galego de Saúde prevé facer no 2023, fóra da xornada ordinaria, 20.600 cirurxías, 124 mil consultas e 54 mil probas.
Entre as medidas está a de citar a 43.000 doentes crónicos que non pasaron revisión nos últimos seis meses; na Atención Primaria faranse 5.300 probas máis para axilizar esperas; os hospistais comarcais realizarán 4.000 cirurxías adicionais, e vaise reforzar a atención para conseguir que os maiores de 90 anos sexan operados en menos de dous meses e que os menores de 14 non teñan que esperar dous meses por unha proba