O músico e compositor Rogelio Groba faleceu no seu domicilio da Coruña aos 92 anos e recibe sepultura no cemiterio de Ponteareas este luns ás 17.00 horas.
Os restos mortais do compositor permaneceron no Tanatorio de Servisa antes de ser trasladados a Ponteareas este luns 2 de xaneiro, onde recibe sepultura.
Rogelio Groba Groba, o máis prolífico dos compositores na historia de Galicia, faleceu onte á noite no seu domicilio da Coruña. O autor deixa un enorme catálogo musical no que abordou todos os xéneros musicais, así como un inmenso legado pedagóxico en toda a comunidade galega como profesor de varias xeracións de compositores, promotor dos conservatorios galegos e de institucións musicais de gran calado artístico e tamén social como a Orquestra Sinfónica de Galicia entre outras.
O mestre Groba naceu o 16 de xaneiro de 1930 en Guláns, parroquia de Ponteareas. Os seus primeiros contactos coa música viñeron a través da banda «A Unión», de Guláns, onde comezou tocando o frautín antes de facerse cargo, con 17 anos da dirección da agrupación.
Estudou no Real Conservatorio de Música de Madrid, onde obtivo o título Superior en Composición con primeiros premios en Harmonía e en Contrapunto e Fuga. Despois exerceu como director de banda en diversas prazas da xeografía galega (A Estrada, Tui e Ponteareas) e española (Pedro Muñoz, en Cidade Real).
En 1962 trasladouse a Suíza, país no que residiu sete anos. Alí dirixiu numerosas agrupacións musicais (Yverdon, Orbe e Perroy, no cantón de Vaud, Martigny e Saint-Maurice, no cantón du Valais), con gran éxito, como demostra o feito de que naquel tempo chegásense a celebrar catro «Festivais Groba» como recoñecemento ao seu labor artístico. Tamén dirixiu a Editorial Musical Rauber, en Lausanne.
En 1967, de volta a España, foi nomeado director da Banda-Orquestra Municipal da Coruña, cargo que exerceu durante 23 anos. Ao tempo fundou a Orquestra do Conservatorio Superior de Música da Coruña e a Orquestra de Cámara Municipal. Foi profesor de Contrapunto e Fuga, de Harmonía, e de Composición no devandito Conservatorio, que tamén dirixiu durante 20 anos, e fundou varios conservatorios dentro da xeografía galega.
Da súa discografía destacan a gravación feita pola Stuttgart Kammerorchester baixo a dirección de Maximino Zumalave de «Cantigas de Mar» e «Intres boleses», ou as realizadas pola London Symphony Orchestra: «Gran Cantata Xacobea» (dobre CD), co coro London Voices; o «Concerto para violín e orquestra nº 2 Confidencias», con Pedro León como solista (en ambas as ocasións baixo a dirección do propio Groba); e o «Concerto nº 1 para cello e orquestra Fauno», dirixido por Andrew Litton e con Mats Lidstrom como solista. Tamén cabe destacar as gravacións realizadas pola Orquestra de Cámara Galega dirixida polo seu fillo Rogelio Groba Otero do «Concerto para dous violíns e orquestra Arcaico» e do «Concerto nº 2 para cello e orquestra Añoranzas», así como da suite «Intres boleses».
Autor de ensaios e libros como «252 alalás», desde 1990 dedicouse á creación musical, no que xa fora recoñecido como autor co Premio Internacional de Composición Dante Luini convocado por Rádioa Televisión Suisse Romande (1973) ou o Premio da Crítica Galega (1979). Xa en 1992 a Xunta de Galicia concedeulle o seu Premio da Cultura e obtivo a Medalla Castelao (1995), o Premio Internacional de Composición Auditorio de Galicia (2004), ou o nomeamento como Fillo Predilecto da súa vila natal en 2005. Era membro do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, da Real Academia Galega de Belas Artes, e da Real Academia de San Fernando, de Madrid.
Desde 2002 presidía a Fundación Rogelio Groba, clasificada «De interese cultural» e «De interese galego» polo goberno de Galicia.