Izado do autobús sinestrado no río Lérez cun guindastre ata a ponte. Probas de carga previas para garantir que a ponte resista e o vehículo non parta.
A empresa propietaria do autobús, Monbus, é a responsable da retirada do vehículo do río en coordinación con técnicos do Ministerio de Transportes e coas forzas e corpos de seguridade.
Operación complicada con mergulladores do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS) da Garda Civil que deben somerxerse nas inmediacións do autobús.
Eles son os que deberán enganchar a pluma do guindastre ao eixe do autobús sinistrado que, unha vez asegurado, será izado moi lentamente para que a manobra non sexa demasiado brusca e acabe por desestabilizar as ancoraxes do guindastre que soportará todo o peso.
A retirada do autobús do río é unha peza clave na investigación para aclarar as causas do accidente xa que, entre outras cousas, permitirá acceder ao tacógrafo, o dispositivo que rexistra datos acerca da marcha e de determinadas actividades do condutor, de 63 anos e que o luns obtivo a alta médica.
Neste sinistro houbo sete vítimas mortais e dous sobreviventes.
Sobre as causas a versión é que poden ser «múltiples» e a investigación tardará semanas. Entre outros aspectos, a toma de declaración ao conductor e a única supervivente dos pasaxeiros.
O delegado do Goberno, José Miñones, informou de que un grupo da Garda Civil especializado procedente de Mérida, onde se sitúa a Escola de Tráfico do instituto armado, levará a cabo a investigación do sinistro.
A investigación seguirá adiante coa toma de declaración ao condutor do autocar e á única sobrevivente do accidente, así como coa recuperación do tacógrafo do vehículo para saber se se poden extraer datos que acheguen información sobre o ocorrido.