O presidente da Xunta visitou os traballos de reconstrución de tres vivendas na aldea de Candeda, en Carballeda de Valdeorras.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recalcou que oito de cada dez propietarios de vivendas afectadas polos incendios de xullo xa recibiron as axudas para a reconstrución, grazas á axilidade na concesión dos case 6 millóns de euros habilitados polo Goberno galego para reparar danos nas edificacións das zonas afectadas, nas provincias de Lugo e Ourense.Das 90 solicitudes recibidas, 70 quedarán abonadas esta semana por un valor conxunto de 4,5 millóns de euros.
Nunha visita aos traballos de reconstrución de tres vivendas afectadas na aldea de Candeda, en Carballeda de Valdeorras, Rueda subliñou que desde os primeiros momentos a Xunta traballou con axilidade para aprobar axudas directas aos afectados. “Había dous xeitos de facelo: dicir que se vai facer e botar uns meses buscando os cartos ou facelo canto antes, e se non hai recursos, detraelos doutros sitios. Trátase de dar prioridade, e non se me ocorre nada máis prioritario que axudar a unha persoa que perdeu a súa vivenda”, afirmou.
Dentro desa batería de apoios, o Goberno autonómico activou unha liña para axudar con ata 122.000 € aos propietarios dunha vivenda habitual ou permanente, con ata 61.000 € para os titulares dunha vivenda ocasional e cun máximo de 15.000 € para recuperar o enxoval doméstico.
Segundo afirmou o presidente da Xunta, unha das leccións que deixaron os incendios foi a importancia de que as Administracións sexan rápidas na concesión das axudas. “Comprometémonos e creo que cumprimos. Non fixemos nada diferente ao que nos pide a xente. O mérito está en fácelo rápido”, subliñou. Así, mentres moitos afectados xa dispoñen dos recursos activados pola Xunta, o Goberno vén de publicar hai días a súa convocatoria no Boletín Oficial do Estado (BOE).