martes, noviembre 26, 2024
InicioComarcasLouriñaEthel Vázquel anuncia a licitación da humanización das rúas Bos Aires e...

Ethel Vázquel anuncia a licitación da humanización das rúas Bos Aires e Progreso no Porriño

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade presentou esta actuación na estrada PO-329 ao paso polo centro urbano do municipio, que suporá un investimento de case un millón de euros e comezarán a executarse na primavera

Ethel Vázquez achegouse esta mañá ata Porriño para presentar na zona da avenida Bos Aires a reforma integral que vai realizar a Xunta na vía autonómica PO-329 ao seu paso polo centro urbano. O obxectivo dos traballos, tal e como salientou, é transformar unha estrada nunha rúa na que os coches ceden protagonismo en favor dos peóns.

Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade:

Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño:

A conselleira, acompañada do alcalde Alejandro Lorenzo, explicou que a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle este luns o inicio da contratación dos traballos para actuar nun treito de case 700 metros desta vía autonómica, na que se reforzará a seguridade a pé dos veciños, ademais de mellorar a accesibilidade e tamén o aspecto estético deste treito da vía, favorecendo a súa mellor integración urbana. As empresas interesadas teñen ata o vindeiro 23 de xaneiro para presentar as súas ofertas.

Segundo detallou a conselleira, a previsión da Xunta é poder adxudicar as obras a finais de marzo para poder inicialas xa na primavera, co que se prevé ter rematadas as actuacións para o desfrute dos veciños a finais do 2023, xa que contan cun prazo de execución de 5 meses.

A titular de Infraestruturas precisou que esta nova actuación na PO-329 dálle continuidade á intervención xa executada no treito inicial da vía autonómica, no marco dun convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello veciño de Mos.

En liñas xerais, os traballos consistirán na execución de beirarrúas máis anchas, para o que se reducirá un pouco a anchura dos carrís de circulación; na reordenación das zonas de aparcadoiro en todo o treito de actuación; na renovación dos pavimentos, tanto das beirarrúas como dos aparcadoiros, e na rehabilitación da calzada.

Completarase a intervención coa dotación de mobiliario urbano: disporanse bancos, papeleiras, xardineiras e árbores; ademais de mellorar a iluminación con 22 novos puntos de luz e con 12 reforzos luminosos nos pasos peonís, para garantir unha maior seguridade.

Segundo indicou Ethel Vázquez, os traballos dividiranse en cinco treitos, en función das necesidades de actuación detectadas en cada un deles.

No primeiro tramo, entre as dúas interseccións coa rúa dos Muíños, que chega ao comezo do peche protexe as vías do tren, aumentarase o ancho da beirarrúa, reducíndose os carrís e deixando as prazas de aparcadoiro na marxe dereita.

No segundo treito, desde o comezo do peche de Adif ata o paso a nivel, reordenarase a sección actual da calzada para aumentar o ancho das beirarrúas, manténdose tamén aquí os aparcadoiros na marxe dereita.

O tramo tres vai desde o paso a nivel ata o cruce coa rúa Ponte do Valo, onde se proxecta unha plataforma compartida a nivel, de sentido único de circulación desde o mesmo paso a nivel ata a rúa Avelino Villasuso.

No cuarto treito, que descorre cruzando o río Louro e pasa baixo a autovía A-55, vaise mellorar a seguridade peonil, colocando pasos elevados e adaptándose á normativa de accesibilidade.

E no quinto treito, que acaba na glorieta da PO-331, reordenarase a calzada para gañar espazo para os peóns, reducindo o dos carrís, ademais de dispoñer sitio para os contenedores e aparcadoiros.

Trátase, en definitiva, dunha actuación “transformadora da accesibilidade, da seguridade peonil e da estética da PO-329 no Porriño”, concluíu Ethel Vázquez.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS