As mestras do CEIP Plurilingüe Pena de Francia, Lucía Álvarez e Ángeles González, pasaron un mes en dous colexios de Ottawa dentro do programa PIALE da Xunta de Galicia
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación, Julia Loureiro, visitaron esta mañá no centro educativo a estas dúas mestras para compartir con elas en persoa a súa experiencia.
Lucía e Ángeles partiron rumbo a Canadá o pasado 12 de outubro para participar no programa de Inmersión Lingüística PIALE. Alí tiveron unha proveitosa estancia dun mes, que agora redunda e revirte na mellor formación lingüística en inglés do seu alumno. Alcaldesa e concelleira expresáronlles hoxe o seu “orgullo e gratitude polo esforzo realizado para mellorar as súas competencias lingüísticas e, con elo, a mellor formación en idiomas do noso futuro: os cativos e cativas de Mos”.
Ángeles e Lucía, dúas mestras de Inglés do CEIP Plurilingüe Pena de Francia de Mos, participaron neste programa de inmersión lingüística en inglés (PIALE) na cidade de Ottawa en Canadá.
O PIALE é un Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras da Xunta de Galicia para a mellora da competencia lingüística e a integración no ensino e cultura dun pais estranxeiro.
O 12 de outubro 45 mestres e mestras de toda Galicia partiron rumbo a Canadá, entre eles as profesoras de Inglés do Pena de Francia, para convivir cunha familia de fala inglesa e para aprender o funcionamento dun colexio canadense durante as catro semanas que durou a experiencia. A mestra Lucía estivo no Centennial Public School e a mestra Ángeles no Featherston Drive Public School.
Ademais, o CEIP Pena de Francia participa noutro interesante proxecto, o eTwinning do Ministerio de Educación e Formación Profesional, que forma parte de Erasmus+, o programa da Unión Europea en materia de educación, formación, mocidade e deporte. O obxectivo é promover e facilitar o contacto, o intercambio de ideas e o traballo en colaboración entre profesorado e alumnado dos países que participan en eTwinning, a través das TIC.