Será o 18 de decembro e a inscrición está aberta ata o día 15
A Concellería de Terceira Idade do Concello do Porriño, que dirixe Rosario Costas, organiza unha excursión a Lalín para os maiores do municipio. A actividade está dirixida a maiores de 65 anos ou maiores de 55 anos que acrediten ter unha discapacidade co fin de que este Nadal poidan desfrutar de lugares e patrimonio do noso rural e tamén degustar a súa gastronomía.
“Queremos facilitar que os nosos maiores teñan contacto coa nosa contorna e dos beneficios do rural con actividades como esta que aumentan a socialización”, explicou a concelleira.
A xornada inclúe a visita á Casa do Patrón, o maior museo de etnografía de Galicia; ao Castro de Doade e sala de arqueoloxía; á Casa Castrexa, unha réplica exacta da primeira vivenda aparecida nas escavacións do Castro e ao Pazo de Liñares. Tamén poderán degustar un tradicional cocido de Lalín, un dos pratos con máis renome da gastronomía galega.
A saída está programada para as 09.00 horas e o regreso para as 20.30 horas.
A actividade é gratuíta e require inscrición, pois as prazas son limitadas e iranse cubrindo por orde de inscrición.
O prazo para anotarse comezou hoxe e remata o 15 de decembro. A inscrición pode formalizarse no rexistro xeral do Concello do Porriño ou de forma telemática a través da sede electrónica.
Para máis información: 986338217 ou 616755556.