Con esta normativa preténdese dar solución a unha situación que se está a volver insostible para a veciñanza da zona
O Pleno do Concello de Mos vén de aprobar por maioría a nova ordenanza municipal de convivencia cidadá cos votos a favor do equipo de goberno local, e dos concelleiros non adscritos, Verónica Castas e Román González, a abstención do grupo municipal do PSOE de Mos e os votos en contra de GañaMos e BNG. Así o informaron a alcaldesa, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Medio Ambiente Sostible, Leo Costas. Esta nova ordenanza vén precedida dunha Xunta Local de Seguridade (que se celebrou o pasado 16 de novembro) pola problemática do botellón en Sanguiñeda, na que xa se anunciou e se deu conta desta medida municipal coa que se pretende dar solución a unha situación insostible para a veciñanza da zona.
Nidia Arévalo expresou que “como alcaldesa, preocúpame enormemente esta situación, trátase dun problema moi serio de seguridade cidadá, polo que desde o Concello atopámonos traballando intensamente para tentar solucionalo facendo todo o posible e o que está na nosa man. Mantivemos unha reunión cos veciños da parroquia e a Policía Local a este respecto. Colocamos na zona carteis informativos, e os axentes locais están a proceder á imposición de sancións por consumo de bebidas alcohólicas na vía pública. Para iso a Policía Local está a facer horas extras para poder cubrir a quenda de noite. Ademais, hoxe (por onte xoves) aprobamos en Pleno unha ordenanza de convivencia cidadá prohibindo o consumo de alcohol tamén en espazos privados ao aire libre (como aparcamentos) e que nos permitirá darlle seguridade xurídica ás sancións de todo este tipo de actos que tanto malestar, como é lóxico, cáusanlle a moitos veciños e veciñas que constantemente acoden ao Concello e ao Cuartel da Garda Civil a presentar as súas queixas polos mesmos”.
A ordenanza municipal de convivencia cidadá aprobouse este xoves por maioría en Pleno e a continuación entrará en período de exposición pública e, a finais de xaneiro, previsiblemente, poderá entrar xa en vigor. Por parte do Concello de Mos tamén se lle abriu un expediente sancionador á discoteca en cuestión. E a Policía Local e a Garda Civil xa incrementaron a súa presenza na zona.
Da Xunta Local de Seguridade do pasado 16 de novembro (primeira e única da presente lexislatura) extraeuse o compromiso de todas as partes implicadas de maximizar os esforzos para resolver a problemática e a coordinación dun dispositivo conxunto entre os 3 corpos de seguridade: policías Local e Autonómica e Garda Civil para o control da zona durante os momentos de maior necesidade por afluencia de persoas. A curto prazo a discoteca ten xa programadas dúas grandes macrofestas, e as festas de Nadal serán tamén momentos de especial control e vixilancia. Farase un especial control por parte da Policía Autonómica do consumo e venda de alcohol a e por menores. Deste xeito coordinarase entre todas as administracións responsables e corpos e forzas de seguridade o dispositivo necesario para disuadir na medida do posible esta situación que se está a volver insostible para os habitantes da zona.
A rexedora local mosense espera, con esta “nova ordenanza de convivencia cidadá, mitigar a problemática que se produce durante as fins de semana na contorna da discoteca Queen na Avenida de Sanguiñeda, onde se rexistran periodicamente celebracións de botellón, actos vandálicos e problemas de ruído, lixo e seguridade cidadá. E onde nos últimos meses se levan producido centos de denuncias”.