Aprobouse en Xunta de Goberno a licenza para a edificación, cuxa obra comezará o vindeiro verán e estará rematada en dous anos
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Urbanismo, José Areal, informaron de que onte se aprobou en Xunta de Goberno Local concederlle licenza a unha promoción residencial de 34 vivendas en Puxeiros (zona de Correos). Trátase dun edificio no Camiño Monte de Cabral que comezará a construírse o vindeiro verán e, segundo informan desde a promotora, Santerr Obras e Instalaciones, prevese que estea rematado nun prazo máximo de 2 anos.
A construción contempla 34 vivendas dotadas de prazas de garaxe (de 3 metros de ancho cadansúa) con patio inglés, que contan con ventilación e luz naturais. Contará con piscina comunitaria climatizada e subacuática, isto é, as paredes acristaladas do vaso dan aos garaxes, facendo as veces de ventás polas que entra tamén luz natural.
A promoción componse dun bloque illado, en medio dunha finca de 2.300 metros cadrados de uso exclusivo para a comunidade.
A edificación contará con instalación de enerxías renovables, aerotermia e fotovoltáica. Quentará as vivendas a través de solo radiante, o sistema elixido para elo é a aerotermia, que combinada cos paneis fotovoltaicos, reducirán os custes de produción de enerxía dun xeito moi notable, para que os residentes teñan que destinar a menor cantidade de recursos posible tanto a calefacción como auga quente sanitaria. Nas épocas de primavera e verán, nas que o consumo de calefacción baixa, e a produción de xeración de enerxías renovables a través dos paneis fotovoltaicos e a aerotermia aumenta, aproveitarase esa enerxía para climatizar a piscina comunitaria, para así poder ampliar os meses de uso desta mesma.
O edificio incluirá diferentes tipos de vivenda, entre eles, vivendas tipo dúplex.
Como se vén demostrando dende fai anos, segundo apuntan fontes municipais, “Mos consolídase como unha localidade que particulares e empresas elixen para residir e asentarse, de aí o gran incremento experimentado na concesión de licenzas de primeira ocupación de vivenda unifamiliar e de obra maior”.
Nidia Arévalo e José Areal consideran que “este novo edificio é unha demostración máis de que Mos é un concello ideal para vivir. É notable o aumento do número de novas vivendas experimentado en Mos durante os últimos anos, o que se debe en gran parte ao pulo que supuxo a implantación do Plan Xeral, aprobado definitivamente en xaneiro de 2017”.
“A existencia e implantación dun PXOM está animando aos particulares e ás empresas a establecer ou consolidar a súa residencia ou negocio, respectivamente, en Mos; e é que a localidade mosense está a ser percibida e considerada como un bo municipio para vivir e crecer empresarialmente”, explican.
Mos leva experimentando nos últimos anos un aumento importantísimo das licenzas urbanísticas concedidas o que demostra, unha vez máis, que o de Mos é un Concello ideal tanto para vivir como para desenvolver unha actividade empresarial e/ou industrial