O ministro de Agricultura e Pesca, Luís Planas, confirma que España recorre hoxe ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), en Luxemburgo, o regulamento que veta a pesca de fondo en 87 áreas.
Planas xa o adiantara e así o confirmou hoxe. España presenta o recurso de Europa, en vigor desde o 9 de outubro, que prohibie a pesca de fondo entre o golfo de Cádiz e Irlanda para protexer espazos mariños vulnerables da pesca de fondo.
Planas adiantou a data elixida para a presentación do preito a semana pasada e hoxe mesmo confirmouna. «O Goberno vai interpor un recurso baseado no artigo 263 do Tratado da UE fronte ao regulamento da Comisión Europea sobre delimitación de zonas de pesca en augas profundas e sobre a exclusión de determinadas zonas ecosistémicamente vulnerables», dixo Planas.
O Goberno alega que a norma que veta a actividade de fondo entre os 400 e os 800 metros de zonas do Atlántico non foi elaborada en base «á mellor información científica dispoñible».
Tamén argumenta que non se valorou ben cal é a incidencia do palangre e outras artes fixas nos fondos mariños, ao que suma o feito de que a delimitación de áreas prohibidas abarcan «moito máis alá das zonas vulnerables».
Por iso, España defende no recurso que na norma non hai «equilibrio entre a sustentabilidade biolóxica e social».