Hoxe celebrouse unha xuntanza de traballo para tratar posibles melloras
O Centro Tecnolóxico do Granito acolleu esta mañá unha reunión de traballo entre Concello do Porriño, Xunta de Galicia, IES Ribeira do Louro e Clúster do Granito para valorar e tratar posibles melloras no recentemente implantado ciclo de grao medio de Pedra natural na modalidade dual que se está a desenvolver no instituto porriñés.
Na mesma participaron o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; o Xefe Territorial de Educación, César Pérez Ares, acompañado por persoal técnico; o coordinador do Consello Directivo da FCTG, José Ángel Lorenzo; a concelleira de Educación, Carolina González e a directora do IES Ribeira do Louro, Juana Muñoz.
Neste primeiro curso están matriculados 14 estudantes, que se forman na modalidade dual dentro da familia profesional das Industrias Extractivas. “Este ciclo naceu para dar resposta ás necesidades de formación de novos profesionais transmitidas polo Clúster do Granito e supón unha clara oportunidade de emprego para os alumnos e alumnas que o cursan, ao contar coa participación de empresas integradas no mesmo para formarse”, explicou o alcalde. “Todas as entidades que unimos forzas para facelo posible traballamos para que a formación sexa de calidade e avanzar na cualificación e na especialización técnica dos futuros profesionais dun sector de gran impacto no Porriño”.